Os Nomes do Terror

Rafael García, historiador da USC: "Houbo violencia máis alá do golpe de Estado"

Rafael García Ferreira (Compostela, 1990), investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do grupo Histagra fai parte das novas xeracións de investigadores que están a traballar sobre os vitimarios. Conversamos con el sobre a dialéctica represiva en Compostela, que achega ao coleccionábel 'Os nomes do terror'. 

Rafael García Ferreira
photo_camera Rafael García Ferreira

Sinala no seu traballo que arredor de 40 veciños de Santiago de Compostela foron asasinados polos sublevados após o golpe de Estado de 18 de xullo.Máis, á marxe dos mortos, cal foi o alcance da represión na cidade?

Foi moito maior, por suposto. En primeiro lugar, porque non so hai que ter en conta a aqueles que foron asasinados, se non á grande cantidade de persoas que foron perseguidas doutros xeitos. Unha parte dos traballadores do concello foron depurados, moitos mestres apartados do seu posto e perseguidos. Ao que hai que sumar a todos aqueles que foron encartados e que pasaron polo cárcere, ou que foron multados con diferentes pretextos. Tampouco hai que esquecer a aqueles que se viron obrigados a fuxir ante a ameaza de que foran un obxectivo, e que botarán anos escondidos, escapando da persecución. E tamén hai que mencionar o caso das mulleres, pois a violencia que se exerceu contra elas non sempre está estudada ao mesmo nivel que a dos homes.

En segundo termo, hai que ter en conta que en Santiago estiveron presas e foron xulgadas moitas persoas non so da cidade, se non tamén dunha ampla comarca ao sur da provincia da Coruña, sobre todo da zona litoral. Isto implicou que o fluxo de xente que pasou polo cárcere e por un xuízo militar en Compostela non se restrinxe aos seus veciños, o que nos da unha cidade cunha intensa actividade nestes aspectos.

O dinamismo político na cidade e a defensa da República en xullo de 1936 custaralle a moitos ser un dos obxectivos da persecución que se levou a cabo

Houbo violencia máis alá do golpe de Estado. Nos anos corenta seguiron funcionando espazos penais cunha magnitude moi grande, como a prisión central, que estaba no barrio de Santa Isabel, e o campo de concentración de Lavacolla, por onde tamén pasaron unha grande cantidade de presos.

Destaca no seu artigo que a dialéctica política do período anterior á sublevación militar vai influír na lóxica represiva, que significaría na dinámica social e política da Compostela republicana?

Santiago era unha cidade plenamente integrada nas dinámicas democráticas da época. Nas eleccións de abril de 1931 gañaran as candidaturas republicanas fronte ás monárquicas, e a República foi proclamada co mesmo entusiasmo que en outros moitos lugares. A partir de aí, a vida política e municipal desenvolveuse con total normalidade dentro do que era a democracia republicana, unha democracia do período de entre guerras. Foi ademais unha cidade cun alcalde galeguista, Ánxel Casal, nomeado en febreiro de 1936, e que estivo á cabeza do proceso estatutario galego.

O dinamismo político é moi visíbel na cidade. Con posterioridade, este dinamismo e a defensa da República en xullo de 1936 custaralle a moitos ser un dos obxectivos da persecución que se levou a cabo. Os que tentarán defender a democracia republicana serán xulgados e fusilados, e outras personaxes, como o propio Casal, dunha gran relevancia política e social, serán asasinados sen sequera unha sentencia previa.

Sen embargo, a relación entre dinamismo político e persecución posterior non é tan clara, nin tan sequera se falamos de persoeiros de esquerdas ou que formaran en 1936 parte dos partidos da coalición da Fronte Popular. É un terreo complicado; a veces hai pistas, pero como digo, non sempre se amosa unha dinámica clara.

A dirección e execución do golpe de Estado foi militar, aínda que contaran coa colaboración doutros grupos

Entrando no aparello represivo, que papel lle outorgaría aos militares na organización, coordinación e execución do terror e cales foron os pesos e contrapesos que deberon enfrontar dentro dos poderes do réxime?

Tiveron un papel protagonista e director. Non hai que esquecer que a dirección e execución do golpe de Estado foi militar, aínda que contaran coa colaboración doutros grupos. Foron os que desprazaron ás autoridades republicanas e asumiron unha posición de liderado con posterioridade. Tamén se responsabilizaban dos procesos xudiciais sumarísimos, aínda que nestes houbera outro tipo de participacións; pero a dirección dos mesmos era militar, como o eran as sentenzas. A isto hai que sumar, obviamente, a grande cantidade de variantes que nos podemos atopar cando recorremos aos estudos de caso, ao estudo local, que é o que en moitas ocasións axuda a comprender o que realmente ocorreu e quen tivo a responsabilidade de que actos.

Hai unha importante preeminencia de militares en postos de responsabilidade no marco do golpe. É un momento no que non existe un Estado organizado nos territorios que quedaran baixo o control dos sublevados, polo que non podemos falar de réxime para este período. Coa dilatación do proceso no tempo, os golpistas resolven nomear a Franco como mando único, en outubro de 1936, pero as dinámicas que se están a executar neses momentos aínda están afastadas desas cuestións.

Sendo Santiago de Compostela unha cidade cun importante pouso clerical e onde a xerarquía eclesiástica gozaba dunha situación de relevo, que nos pode dicir do labor da mesma na persecución?

A Igrexa aportou un magnífico apoio ideolóxico aos golpistas. O principal argumento de Mola, o Director da conspiración contra o Goberno, era a defensa da nación, e este será o que abandeire as accións que se leven a cabo dende xullo. Pero a adhesión da Igrexa ofrecerá aos sublevados unha oportunidade de lexitimar a súa causa que non deixarán pasar, pois os discursos de moitos párrocos e bispos conectarán con moitos cidadáns dunha forma moito máis próxima.

A labor que logo levaron a cabo con respecto á persecución é un asunto que volve a estar no plano do estudo de caso. Pero o que si parece claro é que as autoridades tiñan en conta aos representantes eclesiásticos á hora de activar diversos mecanismos, como por exemplo á hora de elaborar informes de conduta, que en ocasións foron fundamentais nas depuracións ou nos xuízos militares. A este respecto, como xa se menciona no texto, o arcebispo compostelán Muñíz de Pablos chegou a prohibir a expedición de certificados de boa conduta.

O arcebispo compostelán Muñíz de Pablos chegou a prohibir aos párrocos a  expedición de certificados de boa conduta

Repara no seu artigo que aínda agora, cando xa teñen pasado máis de 80 anos desde a sublevación militar, comezamos a coñecer os nomes dos verdugos.Cal é, na súa opinión, a razón de que se tardase tanto tempo en iniciar a investigación dos vitimarios?

A Historia é unha ciencia que non para de avanzar. No referente ao golpe de Estado, as tendencias investigadoras seguiron outras vías. Foi moi importante o coñecemento e recoñecemento das vítimas, un punto no que en Galiza se fixeron grandes avances grazas á labor de moitos investigadores e ao Proxecto Nomes e Voces, que aínda hoxe ten dispoñíbel a súa base de datos on-line. As tendencias de estudo quizais se teñan centrado máis noutros puntos, como este, en vez de cuestións que noutros países están máis avanzadas.

Tamén hai que ter en conta que, ao contrario que os seus aliados europeos, os golpistas gañaron a súa guerra en 1939, perpetuando o seu control do país durante case corenta anos. Son catro décadas nas que houbo tempo para difuminar o ocorrido en 1936, para que os discursos cambiaran e incluso para que se impuxeran aqueles que máis conviñan. Pero no ámbito da investigación as preguntas acaban por xurdir, e neste intre hai varias tendencias historiográficas que se preguntan cada vez máis pola cuestión dos perpetradores da violencia.

A experiencia, o maior coñecemento das fontes e o avance da investigación vannos levando a atopar novos enfoques. A veces pensamos que non hai fontes para investigar este tipo de cuestións porque foron destruídas, porque foron agochadas ou porque non existen, pero a realidade é que están aí, son accesíbeis e están sendo empregadas con bo criterio. Noutras ocasións tamén se trata de superar relatos e discursos que buscan deixar atrás ese período histórico, polas razóns que sexan, pero os historiadores tentamos, precisamente, que iso non ocorra. E dende logo, como dicía, contamos coas ferramentas para logralo.

Hai xa uns anos que varios investigadores do grupo Histagra, da USC,  desenvolvemos as nosas teses arredor do estudo do golpe de Estado, dos propios golpistas e dos verdugos. Algúns avances xa foron publicados en Golpistas e verdugos de 1936, dirixido por Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, demostrándose que hai terreo dabondo para a investigación. Non co obxectivo de sinalar especificamente, se non de entender como funcionou ese período histórico, por que, e en base a que mecanismos. E nesa liña seguimos investigando.

Comentarios