Comezan os trámites para exhumar a fosa de Celanova onde estarían soterrados sete milicianos asturianos

Os milicianos asturianos cuxos restos supostamente repousan neste espazo foron fusilados en setembro de 1939.
Á esquerda, Abelardo Suárez, un dos sete asturianos asasinados; á dereita, Gracia, unha das súas netas (Fotos: Comité de Memoria de Celanova).
photo_camera Á esquerda, Abelardo Suárez, un dos sete asturianos asasinados; á dereita, Gracia, unha das súas netas (Fotos: Comité de Memoria de Celanova).

O equipo de investigación Histagra, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), mantivo o pasado 17 de xaneiro un encontro coa viceconsellaría de Xustiza do Goberno de Asturies, a fin de iniciar os trámites para poder exhumar este mesmo ano a fosa común do cemiterio de Celanova.

Esta fosa está documentada polo Comité de Memoria Histórica da comarca de Celanova, e nela, segundo apunta o colectivo a través dun comunicado, "poderían estar soterrados sete milicianos asturianos fusilados o 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos".

Francisco Serrulla, médico forense que fai parte do equipo de Histagra, encargado pola Xunta da Galiza de levar adiante exhumacións en Vilagarcía de Arousa e Crecente no segundo semestre de 2021, viaxou esta semana a Oviedo para realizar as probas de ADN a dúas familiares de dous dos asasinados en Celanova aquela mañá de setembro de 1939.

"Os nomes e as historias de Baldomero Vigil Escalera Vallejo, 19 años, pintor; Marcelino Fernández García, 21 años, mecánico; Guillermo de Diego Álvarez, 25 años, chofer; Alfonso Moreno Gayol, 26 años, chofer; Abelardo Suárez del Busto, 28 años, albanel; Belarmino Álvarez García, 29 años, mineiro; y Mariano Blanco González, 36 años, litógrafo, coñécense desde que a primavera pasada o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova empezou a divulgar o resultado das súas investigacións nos Arquivos de Ourense e Ferrol, onde apareceron as causas destes sete asturianos capturados polas forzas sublevadas trala caída de Xixón a finais de outubro de 1937", salienta a entidade.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que contou "desde o principio" co apoio do Goberno asturiano, organizou un acto o pasado 25 de setembro no Instituto de Celanova, "prisión central desde a guerra até 1943", de homenaxe aos sete fusilados.

A raíz da divulgación da súa memoria, apunta o comité, "apareceron familiares de dous dos asasinados: Abelardo Suárez del Busto e Marcelino Fernández García".

Unha das familiares, Gracia, neta de Abelardo, visitou Celanova en outubro. Coa filla de Marcelino, Josefa, "o Comité entrou en contacto a finais dese mesmo mes".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios