Localizada a filla dun dos asturianos fusilados en Celanova en 1939

A familia de Marcelino Fernández, como no caso da familia de Abelardo Suárez, ten o desexo de que se proceda á exhumación.

celaniva asturies
photo_camera celaniva asturies

Marcelino Fernández García tiña 21 anos e unha filla de dous anos cando foi fusilado por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos contra o muro do cemiterio de Celanova a mañá do 22 de setembro de 1939, e soterrado nunha foxa común no propio camposanto.

Oliva, a súa dona, veu visitalo uns meses antes e trouxo a nena para que Marcelino a coñecese. Viaxaron de Xixón a Celanova despois de facer unha colecta entre as veciñas. E estiveron uns días na vila grazas a xenerosidade da familia da casa na que pararon, lembra Josefa Fernández Gutiérrez, a filla, a quen o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova localizou a través da Consejería de Presidencia do Goberno de Asturias.

Oliva e Josefa volveron a Celanova nos anos setenta. Querían topar a tumba de Marcelino. Oliva escribiu unha carta que figura no expediente carcerario do seu home, con data do 11 de maio de 1979, na que reclamaba os seus dereitos como viúva.

O grupo Histagra da USC encargado das exhumacións en Galiza empezou a falar co Goberno de Asturias. Ambas as dúas entidades comprometéronse co Comité a que a fosa terá prioridade en 2022. Antes, é urxente e farán os trámites necesarios para a proba de ADN a Josefa

Morreu con 74 anos despois dunha vida “moi dura, vivindo as dúas alugadas, ela traballando en casas, case sen cartos para comer... nunca superou a morte do meu pai”, di Josefa nunha conversa telefónica co Comité na que se mostra decidida a volver a Celanova. Quere visitar a tumba e honrar o seu pai. Quere facer as probas de ADN e promover a exhumación.

Contará coa colaboración do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, e do Goberno asturiano. A Consejería de Presidencia, que participou na homenaxe celebrada en Celanova hai hoxe xusto un mes, xa mostrou a súa vontade de proceder á documentación e á exhumación da fosa dos 7 asturianos. En conversa coa presidenta deste Comité, Celia Inés Feijoo Soto, responsábeis da  Consejería de Presidencia, reiteraron a súa disposición despois de que se teñan localizado dúas familias.

A comezos de outubro, Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez Del Busto -outro dos fusilados-, visitou a tumba e entrevistouse con membros do Comité. Gracia é un dos tres familiares directos vivos de Abelardo.

Compromiso

O Comité iniciou a investigación sobre a foxa a finais de 2020. As publicacións do historiador Domingo Rodríguez Teijeiro, da Universidade de Vigo, e as fontes orais achegaron as primeiras pistas.

O Comité publicou as actas de defunción dos 7 homes e, a continuación, deu a coñecer as causas que permanecen no Arquivo Militar de Ferrol. Esa documentación enviouse tamén á Dirección General de Memoria Democrática, da Consejería de Presidencia del Gobierno de Asturias. A directora general de Memoria, Begoña Serrano, mostrou desde o primeiro momento a disposición do seu departamento a colaborar co Comité. E esa colaboración concretouse na participación do Gobierno asturiano na primeira homenaxe os 7 asturianos celebrada en Celanova o 25 de setembro.

Comentarios