Galiza e Asturies lembran en Celanova as vítimas do franquismo e selan un compromiso a prol da memoria

O antigo patio da prisión central de Celanova acolleu unha homenaxe aos últimos defensores do Xixón democrático, fusilados no cemiterio de Celanova polos franquismo. O acto, onde ondeou simboloxía nacionalista galega, republicana e anarquista, contou cunha representación oficial do Goberno asturiano.

Homenaxe aos sete de Xixión en Celanova (Foto: Nós Diario)
photo_camera Homenaxe aos sete de Xixión en Celanova (Foto: Nós Diario)

Celanova acolleu o primeiro acto de reparación da memoria dos presos polo franquismo no lugar que foi patio da prisión central nos anos da guerra (hoxe é patio do instituto de secundaria).

O acto levouse a cabo este sábado 25 de setembro, 82 anos despois da terríbel xornada do 22 de setembro de 1939, cando sete homes, os últimos defensores de Xixón (Asturies), foron fusilados contra un muro do cemiterio de Celanova e soterrados alí nunha fosa común que a día de hoxe segue intacta.

Capturados, condenados a morte e fusilados, así acabaron os franquistas coas vidas de Baldomero Vigil Escalera Vallejo, de 19 anos e pintor; Marcelino Fernández García, de 21 anos e mecánico de profesión; Guillermo de Diego Álvarez, de 25 años e chófer; Alfonso Moreno Gayol, de 26 anos, tamén chofer; Abelardo Suárez del Busto, 28 anos, albanel; Belarmino Álvarez García, 29 anos, mineiro; e Mariano Blanco González, 36 anos, litógrafo.

A deste sábado foi unha cerimonia sinxela coa participación dun cuarteto de clarinetistas da Banda Municipal de Celanova e un recital poético a cargo de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, dous autores comprometidos coa memoria das vítimas que rescataron algunha das composicións que teñen dedicado ás traxedias que se viviron en Celanova.

Foi unha cerimonia emotiva que comezou cun breve saúdo do alcalde, Antonio Puga, que deu paso ás lembranzas de Celia Inés Feijoo Soto, presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que recordou que o seu avó Camilo, e o pai dela, Constantino, “estiveron presos dentro destes muros aqueles días de terror fascista. Meu pai, como membro da última corporación municipal republicana no 36, propuxera facer deste edificio un instituto, un centro de ensino... precisamente o que é hoxe, un instituto de secundaria”.

Celia Feijoo agradeceu “ao valente pobo asturiano e ao seu goberno valente” ter respondido “á chamada deste modesto Comité dunha vila que para Asturies só significaba: dor, morte e silencio”, e sinalou que o Comité “aspira a algo máis que un descargo moral, e queremos que empecen a mudar aqueles sentimentos polos de xustiza, verdade e memoria”. A presidenta finalizou remarcando o compromiso que Asturies e a memoria galega selaban en Celanova: “Para que a partir de hoxe ese fío que nos une sexa ferro, ferro na memoria contra o esquecemento, contra o medo, contra ese fascismo que revive por todas partes”.

Ofrenda floral

No acto no cemiterio parroquial de San Breixo, a presidenta do Comité e o representante do Goberno de Asturies, Manuel Calvo, realizaron unha ofrenda floral no lugar onde foron soterrados os sete asturianos e que, segundo a memoria oral, permanece inalterado.

Antes, un membro do sindicato anarquista CNT lembrou nun breve discurso o carácter solidario e fraterno do compromiso das vítimas. E o acto terminou coa lectura de dous poemas elaborados para a ocasión por Xoán Carlos Domínguez Alberte, sobre o cartel da homenaxe deseñado por Baldomero Moreiras, e Baldo Ramos, sobre os fusilamentos.

Representación do Goberno asturiano

“Quero que as miñas primeiras palabras, en representación do Goberno do Principado de Asturies co seu presidente, Adrián Barbón á cabeza, sexan para agradecer de corazón ao Comité da Memoria Histórica da Comarca de Celanova que o asasinato dos sete republicanos asturianos perpetrado polo terror fascista non caese no esquecemento”, dixo Manuel Calvo, director xeral de Administración Local do Goberno de Asturies.

“A sociedade española ten un deber de memoria coas persoas que, como os Sete de Xixón, foron perseguidas, encarceradas, torturadas e mesmo perderon os seus bens e até a súa propia vida en defensa da democracia e a liberdade”, engadiu.

O representante do Goberno de Asturies, que escusou a ausencia no acto da Directora xeral de Memoria Democrática, Begoña Serrano, subliñou que o Executivo asturiano “proponse dar un impulso á Memoria Democrática como o único medio posíbel de restañar feridas, como un deber ético que é indispensábel fortalecer para neutralizar o esquecemento e evitar de novo algún dos episodios máis tráxicos da nosa recente historia”.

Calvo explicou que “a memoria das vítimas do golpe de Estado, a guerra de España e a ditadura franquista, o seu recoñecemento, reparación e dignificación, representan un inescusábel deber moral e democrático porque a historia non pode construírse desde o esquecemento e o silenciamento dos vencidos”; e considerou, ademais, que “temos a obrigación moral e democrática de eliminar os vestixios da ignominia, de pór fin a esa memoria do franquismo que se impuxo a sangue e medo durante décadas”.

Manuel Calvo  rematou ou seu discurso subliñando que “nesta batalla estamos tamén unidos e estou seguro de que máis pronto que cedo veremos retirar esa cruz da Bandeira de Marrocos que permanece en Outeiro da Obra levantada polos asasinos que sementaron o terror nesta bela, solidaria, e comprometida comarca de Celanova”.

Comentarios