O Goberno de Asturias participa na homenaxe en Celanova aos 7 milicianos asturianos fusilados e enterrados alí en 1939

celanova asturianos-min (1)
photo_camera O cartaz de Baldomero Moreiras, na fosa dos asturianos no cemiterio de Celanova (Foto: Nós Diario)

O Goberno de Asturias enviará unha representación á Homenaxe aos 7 asturianos fusilados e soterrados en Celanova en 1939, respondendo o convite do Comité de Memoria Histórica de Celanova que mantén aberta unha liña de investigación dunha foxa común, situada no cemiterio parroquial da vila, e na que foron soterrados Baldomero Vigil Escalera Vallejo, Marcelino Fernández García, Alfonso Moreno Gayol, Guillermo de Diego Álvarez, Abelardo Suárez del Busto, Belarmino Álvarez García e Mariano Blanco González.

Os sete homes, veciños de Xixón e localidades próximas, foron fusilados contra o muro do cemiterio a madrugada do 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos, a mesma unidade militar que unhas semanas antes chantou no Outeiro da Obra "un símbolo de exaltación fascista que aínda hoxe segue ergueito e vulnerando a lei estatal de memoria histórica", segundo o Comité.

Os milicianos asturianos formaron parte dos últimos defensores de Xixón e, cando a caída da cidade en outono do 37, fuxiron por mar e foron capturados pola Armada suvlebada. Despois de pasar por Camposancos (A Guarda) onde foron sometidos a consello de guerra e condenados a pena de morte, chegaron a Celanova en xaneiro de 1939. 

No verán de aquel ano, rematada a guerra, chegou á vila a Bandera de Falange de Marruecos. A unidade militar, baixo o mando do coronel Ríos Capapé, moi destacado pola propaganda fascista na fronte de Madrid e de orixe familiar, por parte do pai, en Celanova, deixou unha pegada de terror na vila. Apenas uns días antes de despedirse nunha festa sufragada polo Concello, a Bandera ocupouse de cumprir as sentenzas do tribunal militar nun acto de sinistra vinganza.

O Comité de Memoria Histórica de Celanova documentou a peripecia dos asturianos no Arquivo Militar de Ferrol e no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, e compartiu esa información coa Dirección General de Memoria Democrática do Goberno de Asturias. O Goberno de Asturias comprometeu desde o primeiro momento o seu apoio e axudou a difundir os chamamentos públicos na procura de familiares das vítimas. Até o día de hoxe, non apareceu ningún. Mais o Comité perseverará nese labor da man, tamén, de colecvtivos de memoria asturianos cos que mantén contacto.

Na homenaxe, correspondendo ao convite do Comité, tamén estarán presentes o Delegado do Goberno en Galiza, José Miñones, o Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González -que xa recibiu ao Comité a principos de maio polo denuncia do símbolo no Outeiro da Obra-; e o alcalde de Celanova, Antonio Puga. O Comité convidou tamén a asociacións coas que vén colaborando como Amigos da República, o grupo da ARMH ourensán, o colectivo A Cambalhota de Allariz e o Comité pola Memória Histórica do Val do Límia, así como o BNG de Celanova, único grupo con representación na corporación que tramitou a demanda sobre a simboloxía fascista.

Nos actos, que se desenvolverán no Instituto Celso Emilio Ferreiro (que foi sede da Prisión Central naqueles anos) e no cemiterio parroquial, tomarán parte os poetas Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, e Xoán Carlos Domínguez Alberte. Tamén se lerá un inédito que compuxo Baldo Ramos, como Domínguez Alberte, membro do Comité. O cartaz foi deseñado polo artista celanovense Baldomero Moreiras e cedido ao Comité para a impresión dunha serie limitada de 50 exemplares que se porán á venda.

O Comité de Memoria Histórica de Celanova completou a semana pasada a restauración do mural do Furriolo, despois dunha intensa fin de semana de traballo do autor, Xosé Vizoso, acompañado por varios membros do Comité.

Comentarios