Localizada a primeira familiar dun dos 7 asturianos fusilados en Celanova polos franquistas

Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez Del Busto, asasinado en Celanova en setembro de 1939 por un pelotón da Falange de Marrocos.

celnoav asturies

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova localizou a primeira familiar dun dos 7 asturianos soterrados na foxa do cemiterio parroquial de Celanova.

Trátase de  Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez Del Busto, que visitou a tumba e entrevistouse con membros do Comité. Gracia, un dos tres familiares directos vivos de Abelardo, mostrou a disposición da familia a colaborar co Comité, co Goberno de Asturias e cos memorialistas asturianos na procura doutras familias, así como na investigación e nunha posíbel exhumación da fosa.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova púxose en contacto co Goberno de Asturias para informar da aparición desta familiar e pedir que as autoridades asturianas activen o protocolo para atender estas vítimas.

 Atopei a páxina do Comité, a información sobre o acto da semana anterior no patio do Instituto, onde estivera o cárcere, co Goberno asturiano. E apareceu o nome do meu avó… 

Abelardo Suárez Del Busto tiña 28 anos cando foi fusilado en Celanova o 22 de setembro de 1939 por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos. Fora capturado pola Armada sublevada tras a caída de Xixón a bordo do 'Gaviota' o 20 de outubro de 1937. Trasladado despois a Camposancos (A Guarda) foi condenado a morte o 29 de xullo de 1938. Foi xulgado xunto a outros dez presos. Entre eles, Baldomero Vigil-Escalera Vallejo e Mariano Blanco González, que como Abelardo recibiron condena a morte e terminaron sendo executados en Celanova aquel 22 de setembro.

Os dous meses que a Bandera estivo na vila, entre xullo e setembro de 1939, foron un alarde de ostentación e violencia. Unha proba son os sete presos fusilados na Prisión Central de Celanova o 22 de setembro de 1939.

"Abelardo era fillo dun  carreteiro. Era albanel. En casa eran moi pobres. Abelardo e Emilia tiveron un fillo, Enrique, e unha filla ,María del Carmen, a miña nai. Emilia, a miña avoa, sabía que estivera preso en Celanova. Nunca soubemos que pasara por Camposancos. Nin que fora sometido a consello de guerra. O fillo maior, Enrique, morreu. Foi outro golpe para a miña avoa. A miña avoa casou despois por segunda vez. Eu crieime coa miña avoa e ese avó", explicou a neta ao Comité.

"Os meus pais emigraron a Francia e quedamos a miña irmá e eu con eles. A miña nai morreu hai tres anos, xusto un 3 de outubro. Este domingo, durante o aniversario, deume por buscar en Facebook cousas sobre Celanova. Atopei a páxina do Comité, a información sobre o acto da semana anterior no patio do Instituto, onde estivera o cárcere, co Goberno asturiano. E apareceu o nome do meu avó… Deseguido llo dixen á familia, e a miña sobriña Irene decidiu escribir ao Comité. Por iso estamos aquí, en Celanova", sinala Gracia Gutirérrez.

Comentarios