A Xunta e o Estado incumpren as indicacións do Consello de Europa sobre o galego: "Non houbo avances significativos"

Estado e Xunta non cumpriron as indicacións que lles trasladou o Comité de Expertos do Consello de Europa para garantir os dereitos lingüísticos das galegofalantes. En 2024 toca avaliación do feito nestes anos. O Comité reuniuse esta cuarta feira cunha delegación galega, encabezada pola Mesa pola Normalización Lingüistica.
a mesa comité carta europea
photo_camera Representantes da delegación galega reuníronse onte co Comité de Expertos da carta europea de linguas rexionais e minorizadas. (Foto: A Mesa)

O último informe do Comité de Expertos que avaliaba o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas por parte das institucións españolas é de 2019. En base a este documento, o Comité de Ministros do Consello de Europa realizou catro indicacións directamente referidas á lingua galega: Eliminar as limitacións ao ensino e galego en todos os niveis, modificar  Lei Xeral do Poder Xudicial para garantir que se poida usar a lingua galega nos procesos xudiciais; avanzar e mellorar  no femprego do idioma propio da Galiza por parte da Administración do Estado; e que o estatuto de Asturias recolla a denominación e protección do  galego-asturiano.

"Non houbo avances significativos até a data na implementación desas indicacións" durante estes cinco anos, afirma A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) no Informe da situación da lingua galega, documento de 56 páxinas que a delegación  desta entidade entregou esta fuarta feiraen Madrid ao Comité de Expertos da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas (Celrm). 

"Recollemos os incumprimentos tanto do Estado como da Xunta do articulado da Celrm", afirma a Nós Diario, Marcos Maceira, presidente da Mesa. "Durante estes anos non é que a situación non mellorara, é que houbo aspectos nos que foi a peor", asegura. O Comité de Expertos está no Estado para facer unha avaliación do cumprimento da Carta europea —proceso que se realiza cada cinco anos— . Escoita ás administracións estatal e autonómicas, así como a entidades sociais, para a seguir elaborar un informe en base ao cal se estabelecerán unha serie de recomendacións —"de obrigado cumprimento", puntualiza Maceira— .

Esta cuarta feira, para alén da Mesa, a comitiva galega que se entrevistou con estes expertos estivo formada por representantes de Prolingua, Asociación de Medios en Galego, Fala Ceibe do Bierzo e Axuntar –Asociación prá normalización del galego de Asturias. A delegación aproveitou para se reunir no Congreso con deputados galegos das diferentes formacións. Os incumprimentos das Administracións tradúcense —segundo o documento ao que tivo acceso Nós Diario— na "violación do articulado da Carta europea" en até sete cuestións.

Ensino

"Non se produciu ningún cambio substancial a favor do galego a pesar das recomendacións reiteradas do Comité de Expertos da Carta e o Comité de Ministros do Consello de Europa", indícase no informe. O único movemento da Xunta foi, asevérase, "cuestionar o coñecemento e a intención do Comité de Expertos". Un exemplo foi o "alá eles" co que o daquela presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, despachou unha pregunta da prensa sobre as recomendacións europeas para protexer o galego.  

Malia a petición dos expertos de "eliminar as limitacións ao galego no ensino", continúa vixente o Decreto 2010 que prohibe ensinar a lingua determinadas materias. O galego, ademais, "fica excluído" dunha gran parte das escolas infantís das cidades galegas, ao tempo que en Primaria e Secundaria non se cumpre coa distribución "igualitaria" dos dous idiomas oficiais nas aulas, "como afirman [que si se cumpre] Estado e Xunta".

Xustiza

Na Administración de Xustiza o uso do galego "segue sendo potestade ou opción voluntaria de xuíces, fiscais, etc. sempre que ningunha das partes invoque indefensión". A isto engádese que "a falta de medios reais e verdadeiros en lingua galega nos Xulgados limita a acción normalizadora tanto de funcionarios como de xuíces" e que hai unha vulneración dos dereitos lingüísticos, pois "a cidadanía nopoden exercer o seu dereito para elixir a lingua do procedemento en ningunha das súas fases".

Administración 

O informe tamén constata que "existen importantes impedimentos de accesibilidade á Administración Xeral do Estado en galego", ademais de continuar a "producirse casos moi graves nos que a Administración do Estado nega a documentación presentada en galego, nalgúns casos con consecuencias irreparábeis".

Tamén recolle, a respecto da Administración galega, "que se producíronse importantes retrocesos". É significativo neste sentido, afirma, que "tanto a Administración do Estado como a autonómica acumulan o maior número de queixas por vulneración de dereitos lingüísticos (65,%) das tramitadas pola Liña do Galego". Tamén no ámbito da Administración local hai dificultades para utilizar o galego nalgúns concellos, apunta o documento: "Algúns dos concellos máis grandes están a caracterizarse por unha política de exclusión do galego".

E incide nun problema crecente: "A privatización dos servizos municipais e/ou a súa subcontratación motiva que moitos servizos deixen de se prestar en galego". A conclusión neste apartado é contundente: "Non se esixen garantías de respecto aos dereitos lingüísticos dos cidadáns ás empresas concesionarias da Administración".

Cultura

Tamén aquí os incumprimentos persisten malia as indicacións do comité de expertos: "Dificultade no acceso e distribución de obras audiovisuais ou cinematográficas en galego nas salas comerciais, redución das axudas á tradución ao galego ou a imposibilidade de acceso a obras audiovisuais ou cinematográficas noutros idiomas traducidas e/o subtituladas ao galego".


A exclusión de 'Nós Diario' das axudas á prensa incumpre a Carta europea

Fomentar e/ou facilitar a creación e/ou mantemento de polo menos un xornal nas linguas rexionais ou minoritarias" é un dos compromisos recollido na Carta europea de lingua rexionais e minorizadas —á cal o Estado español adheriu en 2001— contra o que vai a Xunta da Galiza. No Informe da situación da lingua galega que esta cuarta feira se entregou ao Comité de Expertos europeos recóllese a exclusión de Nós Diario das axudas á prensa da Xunta: "O Goberno galego vén excluíndo sistematicamente das axudas concedidas aos medios de comunicación o único diario impreso en galego [Nós Diario].

A razón "oficial" é que, segundo a Xunta, este xornal non é "diario" porque se publica de terza feira a sábado; a pesar de que cumpre os requisitos estabelecidos polos principais auditores independentes (OXD e EGM) para ser considerado diario". Engádese no mencionado informe como estas axudas "que ascenderon a un total de 1.255.000 en 2021, foron distribuídas unicamente entre xornais cun uso exclusivo ou moi maioritario do español".  

O mesmo ocorre coa contratación de publicidade institucional nos medios que publican en galego, advirte este documento, "que a miúdo quedan excluídos, xa que adoitan adxudicarse mediante un sistema de adxudicación directa. Por pór un exemplo, até xullo de 2023, a única publicidade institucional da Xunta en Nós Diario era para o 17 de maio, Día das Letras Galegas. O informe acredita finalmente que " hoxe en día, a porcentaxe de uso do galego nos medios de comunicación é menor que nos anos oitenta".

Comentarios