VÍDEO

"Señor Rueda, este Nadal queremos Xabarín": o Apalpador insta Rueda a cumprir a Iniciativa Xabarín

Máis galego nas canles infantís e xuvenís.
Recollida de sinaturas da iniciativa 'Xabarín Xa!' en Padrón (O Sar). (Foto: A Mesa pola Normalización Lingüística)
photo_camera Recollida de sinaturas da iniciativa 'Xabarín Xa!' en Padrón (O Sar). (Foto: A Mesa pola Normalización Lingüística)

O Apalpador exixiralle esta sexta feira ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que cumpra os acordos asinados no marco da "Iniciativa Xabarín". Nunha concentración convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística e que terá lugar na praza do Obradoiro, a figura tradicional do Nadal galego pediralle a Rueda que se cumpran os acordos sobre os contidos televisivos en galego para público infantil e xuvenil

A visita do Apalpador enmárcase na campaña "Xabarín xa!" de recollida de sinaturas que a Mesa está a desenvolver desde xaneiro para apoiar a petición de que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas. A "Iniciativa Xabarín" foi lanzada hai tres anos reclamando, precisamente, este incremento.  Conseguiu o apoio de 33.000 sinaturas, debateuse no Parlamento galego e aprobouse por unanimidade en maio de 2021.

Alén das televisións públicas galegas, a Iniciativa Xabarín tamén reclama, entre outras cuestións, que o Goberno español tome as medidas precisas para que TVE emita todos os seus contidos da canle xuvenil e infantil con opción de dobraxe ao galego.

Lei do Audiovisual

Ademais, o Congreso español aprobou en xuño de 2022 a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, que indica que as linguas oficiais do Estado deben estar presentes nos contidos audiovisuais da canle estatal e das plataformas de ámbito estatal. 

A día de hoxe ningún destes acordos parlamentarios se está a cumprir, sendo a TVG e a TVE, as que máis incumpren, segundo informou a Mesa pola Normalización Lingüística.

Comentarios