Rexeitada para un traballo por falar en galego: "Tes soltura co castelán?"

A música e docente Olga Brañas relata a súa recente experiencia cun colexio concertado e a compañía que lle debía formalizar o contrato para unha substitución, o Grupo Eulen, que "pasou por enriba do colexio" ao non contratala malia ser o desexo do centro.
aula (Foto: Nós Diario)
photo_camera Estudantes nunha aula. (Foto: Nós Diario)

Pode ser a lingua galega, en pleno século XXI e cunha Lei de normalización mediante, un impedimento para conseguir un traballo precisamente na Galiza, o país do que é propio este idioma? Por estraño que pareza, si. Isto mesmo foi o que viviu recentemente en primeira persoa a música, licenciada en Historia da Arte e colaboradora de Nós Diario Olga Brañas, que relata o sucedido nas súas redes sociais. Conta que unha amiga, profesora de Música dun colexio concertado do que non precisa o nome, preguntoulle se faría unha substitución dunhas dúas semanas dado que a súa compañeira estaba de baixa.

E Brañas aceptou a proposición: "Eu xa non dou aulas, pero vendo a urxencia que tiñan —preguntáronme ás 13.30h se podía comezar unha hora máis tarde porque a xestoría estaría aberta para facerme o contrato—, sendo amiga miña a persoa que me avisou e tendo en conta que este mes estou bastante liberada de bolos, díxenlle que si". Falou coa amiga, cunha segunda profesora e con outra muller do centro. "Só quedaba falar coa empresa que me ía formalizar o contrato", di.

Esa empresa era o Grupo Eulen, da que é directiva a irmá do líder do PP —Alberto Núñez Feixoo—, Micaela. "Cando eu non dixera máis que media frase, dime que ela non fala galego. Eu díxenlle que sen problema", relata. A interlocutora respondeulle que non tiña "soltura" coa lingua propia da Galiza "e outras frases que incidían no tema". E Olga Brañas pregúntalle:

—Pero cal é o problema? Non entendes o galego?

"Non sabía por que lle estaba dando tantas voltas, a maioría das miñas conversas son comigo falando galego e a outra persoa español", explica a música. E tras a súa pregunta recibe un 'si' por resposta. Si que entende o galego... mais aclara que quere saber se a aspirante ao posto "ten soltura co castelán". "Contesteille que claro que si, que en Galiza as persoas que falamos galego defendémonos perfectamente en castelán, aínda que ao revés non ocorre e non hai a mesma soltura", apunta Brañas.

Porén, prosegue, "volve querer confirmar que eu teño soltura co castelán, quizais sorprendida de que eu continuase a conversa en galego". E neste punto, ante a insistencia, replícalle á responsábel da empresa:

—Por que o dis? Por se hai algún neno ou nena que non entenda o galego? Se teño que falar máis lenta, traducir cousas ou incluso darlle a aula en castelán, podo facelo sen problema.

Contesta que o pregunta por se a docente "ten que dar todas as aulas en castelán". Explícalle que vai impartir piano e linguaxe musical e que, ao tratarse de actividades extraescolares e a diferenza das materias oficiais, non está predefinida a lingua na que se deben dar as aulas. Pero, apunta Olga Brañas, semella que a resposta non lle valeu: "Contestou que ao ser un centro privado —concertado— podían preguntarme se podía dalas en castelán".

"Tan amabelmente como me foi posíbel dicilo, contestei que podía, pero que tería que valorar se o faría. Que antes prefería preguntar ao cole se me obrigarían a dalas en castelán. Dinlle un 'si' ao traballo, pero coa excepción de que se non podía dalas en galego, prefería non coller a substitución", sinala a música e docente.

Na sexta feira ela tiña axendada unha cita administrativa e xa avisara de que ía faltar, algo que non pareceu importar ao centro, "que non puxo ningún problema". Porén, na mañá desta terza feira o Grupo Eulen informoulle de que colleran outra persoa "porque podía ir ese venres". "[Os de Eulen] Pasaron por enriba do colexio sabendo que me pedira a min", lamenta.

A raíz desta experiencia, Olga Brañas reflexiona: "Que doado é ter principios cando o teu pan non depende diso. Deberiamos ser máis compasivas con nós mesmas e dicirlle menos á xente o que debe facer. Neste caso eu puiden ser bastante consecuente —non ao 100%, pero fago o que podo—. Noutras ocasións tería e terei que tragarme máis os meus principios. E cando o fago, preciso ser compasiva comigo mesma", conta.

E a respecto da impartición de aulas en galego, engade: "Cónstame que a miña amiga, profesora de Música nese colexio tamén, dá a maioría desas aulas en galego. Outra profe que fala castelán non entendía que tontería era esa, dixo que por suposto que podía facelas en galego, que varias profes xa o facían. Tamén me consta que o director de Música —onde ía traballar eu— fala galego. Pero ao Grupo Eulen non lle gustou".

"Estou segura de que moitos e moitas galegofalantes —ou galegofalantes a maioría do tempo— inconscientemente cambiarían ao castelán na entrevista telefónica que me fixeron onte, independentemente do que despois falasen nas súas aulas. Eu non mudei e seguín falando galego. Pregúntome unha cousa, se eu lle falase en español, preguntaríame preocupada se teño soltura falando galego? Por suposto que non. Ao revés non pasaría. Sobre todo porque o lóxico sería cambiar a galego para amosarlle o ben que o falo e ela mesma tería que manterme a conversa en galego... Xa dixera que non o sabía falar", sentencia.

Comentarios