A Xunta patrocina un programa de Jiménez Losantos a pesar de deturpar topónimos

É habitual que o nome da Xunta apareza vencellado a medios de comunicación españolistas que deturpan os topónimos galegos, a pesar de contravir o disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística en materia de toponimia.
Cartaz co topónimo deturpado.
photo_camera Cartaz co topónimo deturpado.

O coñecido opinador de dereitas Federico Jiménez Losantos levará a cabo o seu programa 'É a Mañá de Federico' o víndeiro 18 de febreiro en Sanxenxo, que nos seus cartaces promocionais escribe de xeito deturpado como "Sangenjo". A pesar desta deturpación do topónimo, a Xunta da Galiza aparece como patrocinador principal do evento, a través da figura do Xacobeo.

Non é nin moito menos a primeira vez que o nome do Goberno galego aparece vencellado con medios de comunicación e institucións que empregan de xeito voluntario formas deturpadas da toponimia galega.

O Executivo de Alberto Núñez Feixoo non só prioriza a publicidade institucional en medios de comunicación en castelán, en detrimento dos que empregan o galego como lingua vehicular, senón que inviste diñeiro público naqueles que deturpan os topónimos de maneira habitual.

É o caso de xornais estatais españolistas como o ABC, no que é habitual ver publicidade da Xunta, pagada a través de axencias deste sector, pegadas a noticias de ámbito galego nas que se empregan topónimos deturpados como o propio Sangenjo, La Coruña, Orense...

Incumprimento legal

Esta continuada actuación da Xunta contravén o artigo 10 da Lei 3/1983, de 15 de xuño, que regula que as publicidades incluídas nas publicacións deben cumprir a normativa vixente de normalización lingüísitica en materia de toponimia.

A pesar disto, o Goberno galego segue patrocinar e formar parte deste tipo de eventos. Outro exemplo paradigmático e o foro económico que decorre na illa da Toxa, no concello do Grove, e que é nomeado polos organizadores como Foro "La Toja".

Durante todas as edicións, numerosos colectivos sociais, o Bloque Nacionalista Galego (BNG), a Confederación Intersindical Galega (CIG) e A Mesa pola Normalización Lingüística reprobaron a deturpación do nome da illa e a participación no evento do propio presidente da Xunta.

Na edición do ano pasado, unha protesta pacífica dos colectivos fronte ao hotel no que decorre o Foro acabou disolta por membros da Garda Civil, que actuaron de xeito violento e bateron sobre os participantes na concentración.

Comentarios