A Mesa mobilízase contra a deturpación do nome da Toxa

O Goberno español intentara evitar a concentración da entidade
Manifestación da Mesa na Toxa. (Foto: Carlos Vieito)
photo_camera Manifestación da Mesa na Toxa. (Foto: Carlos Vieito)

A Mesa pola Normalización Lingüística levou hoxe a cabo unha mobilización na Illa da Toxa contra a deturpación do topónimo do lugar logo de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) notificara, onte, a autorización da concentración.

A comezos de semana, a Mesa presentara un recurso perante o TSXG contra a decisión da Delegación do Goberno estatal na Galiza de prohibir a protesta convocada na Toxa.

Desde o Executivo argumentaran que a concentración podería “afectar a orde pública pola súa posíbel incidencia na seguridade das persoas e bens” no marco da celebración do ‘Foro La Toja’, no que participan altos representantes políticos e económicos.

A Delegación do Goberno estatal na Galiza prohibira a protesta convocada na Toxa

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, explicou a Nós Diario que “houbo foi un intento da Delegación do Goberno de prohibir e delimitar o dereito a manifestación e, especialmente, de que houbese calquera tipo de acto que puxese en evidencia o que está a facer no foro”. Ademais, afirmou que “é un despropósito” que participen altos cargos institucionais e que se “destine diñeiro público para a celebración” do encontro. 

Maceira mantívose nesta liña durante a súa intervención na protesta, na que sostivo que “por enriba de todo poder económico e político que se concentra neste foro, está a dignidade do pobo galego, que é moita máis da que poidan comprar os asistentes a este acto”.

Así, indicou que “estamos aquí porque loitamos e gañamos este espazo para reivindicar o único nome válido e oficial desta illa”.

Segundo sostivo o presidente da entidade, “a toponimia é unha evidencia de que existimos, por iso hai tanto interese en eliminala”. Por isto indica que a concentración da Mesa vai “máis alá” do caso da Toxa, pois “reflicte a situación xeral da lingua”.

“A toponimia é unha evidencia de que existimos, por iso hai tanto interese en eliminala”

Maceira engadiu que, “oxalá todos os esforzos que fai continuamente a Delegación do Goberno para evitar que a xente se manifeste e para evitar o uso do galego, os dedicase integramente a que a cidadanía galega poida usar a súa lingua nas administracións, na seguridade social, na televisión española ou mesmo nos corpos de seguridade do Estado”.

Comentarios