O Consello da Xunta aprobou con case unha década de retraso esta quinta feira a creación do Observatorio Paz Andrade, unha entidade que asesorará como "foro de diálogo permanente" en todo o que ten a ver coa lusofonía e dará cumprimento, así, ao estabelecido na Lei que leva o mesmo nome, aprobada en 2014.
Coincidindo co debate sobre o uso das linguas oficiais en determinados territorios do Estado tanto no Congreso -xa incluído na reforma do regulamento e en vigor- como nas institucións europeas; o Executivo galego deu luz verde á creación deste organismo que estará conformado polo Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, as tres universidades galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Confederación de Empresarios da Galiza.
Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, o presidente galego, Alfonso Rueda, destacou un acordo que ten que ver coas "vantaxes evidentes que Galiza ten que aproveitar e que se derivan da nosa propia lingua, que sexa unha lingua propia tan conectada co fala portuguesa", o que á súa vez supón entenderse con 270 millóns de persoas que falan portugués.
A lei Paz Andrade
Así, e en desenvolvemento da lei Paz Andrade aprobada pola Cámara galega, acordouse a creación do Observatorio da lusofonía, chamado Paz Andrade e que se vai a dedicar a asesorar en todo o que ten a ver coa lusofonía, como "foro de diálogo permanente" entre as Administracións públicas e privadas e para "fortalecer" os lazos.
Entre os retos e oportunidades, atópanse "fomentar o coñecemento" das linguas, propor intercambios cos países lusófonos e estreitar todo tipo de relacións cos países de fala portuguesa.
"Supón un paso máis no estreitamento das relacións co mundo da lusofonía", salientou.