A mocidade da lusofonía trae á Galiza un encontro arredor da lingua e a cultura

A Casa da Lusofonía de Vigo acollerá o 17 de xuño o coloquio 'Conexões', unha iniciativa da xuventude lusófona de oito territorios de fala portuguesa que buscan combater o descoñecemento mutuo grazas á lingua e a través do intercambio cultural.
Representantes da Juventude Unida dos Países de Lingua Portuguesa levaron a súa iniciativa á RTP África. (Foto: JUPLP).
photo_camera Representantes da Juventude Unida dos Países de Lingua Portuguesa levaron a súa iniciativa á RTP África. (Foto: JUPLP).

A Galiza acollerá o vindeiro 17 de xuño ─Casa da Lusofonía, Vigo─ unha nova edición de 'Conexões', un encontro presencial  que busca achegar as nacións da lusofonía ademais de promover o diálogo, o intercambio cultural e accións estratéxicas entre representantes dos distintos territorios.

A iniciativa parte da Juventude Unida dos Países de Lingua Portuguesa (JUPLP), unha plataforma fundada por xente moza de Brasil e Portugal no ano 2020 convencida de que a xuventude lusófona non está ben representada polas instancias oficiais. 

Máis dunha vintena de mozos e mozas de Brasil, Portugal, Angola, Guiné-Bissau, Moçambique, Cabo Verde, Timor Leste e Galiza son parte deste movemento disposto a tecer unha rede moza propia, onde debater sobre temas relevantes para a xuventude lusófona, á parte das cuestións políticas e iniciativas institucionais.

A Galiza integrouse neste colectivo en novembro do ano pasado "como territorio de fala portuguesa ou lusófona", co ánimo de contribuír a que "a lingua entre no universo lusófono e se abran para ela xanelas culturais, comerciais, económicas e sociais". A Galiza quere xogar un papel de "unión", entre persoas, mais tamén entre pobos e comunidades.

Intercambio e coñecemento

A mocidade da lusofonía conta hoxe con perto de 48 millóns de persoas, 16,4% da poboación de fala portuguesa de todo o mundo. "Somos xente nova, inconformista coa realidade e o contexto estrutural a nivel internacional".

Segundo xustifica a Nós Diario Carolina Aldea, integrante galega do colectivo, "coñecemos moi pouco da realidade doutros países de lingua lusófona en termos culturais, políticos e sociais; mais, sobre todo, coñecemos moi pouco da realidade da xente moza", que observa na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) unha entidade excesivamente "formal e burocrática" da que Galiza non é parte malia contar coa Academia Galega da Língua Portuguesa e o Consello da Cultura Galega como observadores consultivos.

Neste sentido, a JUPLP nace como unha plataforma arredor dunha fala común pensada por e para a xuventude co obxectivo de compartir novas oportunidades "dentro da nosa realidade lingüística e cultural". "Notamos que o empoderamento xuvenil e o acceso a formación e información sobre o desenvolvemento persoal non chega a toda a mocidade da nosa comunidade".

Mudar a exclusión, o illamento e o descoñecemento son os obxectivos deste novo movemento construído na distancia, mais tamén forxado a través de 'Conexões', un foro presencial que se estreou en Coimbra, continuou en Cabo Verde e chegará a Porto e á Galiza no mes de xuño, os días 16 e 17, respectivamente, con palestras arredor da lingua, da situación das linguas minorizadas en territorios de fala portuguesa, ademais doutros asuntos que centran a atención da mocidade en cada territorio: inmigración, racismo, violencia de xénero, identidade, saúde e autocoidado

O convite chega sen un programa fechado. "O obxectivo destes encontros é promover debates abertos, de xente moza para xente moza, sobre asuntos de importancia para a xuventude lusófona". Así, no 'Conexões' non hai persoas relatoras. Calquera se pode achegar e propoñer un tema para enriquecer o coloquio.

Comentarios