A Xunta presenta o Observatorio da Lusofonía ante as críticas da oposición

O BNG e o PSdG ven insuficiente a aplicación da lei Paz Andrade.
Valentín García (Foto: Nós Diario).
photo_camera Valentín García (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral de Política Lingüística do Goberno galego, Valentín García, anunciou onte na comisión de Educación e Cultura do Parlamento da Galiza a creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, un órgano que nace co obxectivo de "servir como instrumento de consenso para adoptar medidas relacionadas coa lusofonía na Galiza". 

García, que compareceu para dar conta do informe anual de seguimento da Lei 1/2014, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía –coñecida popularmente como Lei Paz Andrade–, sinalou que, no tocante ao estudo do idioma, "o portugués xa está consolidado como unha das linguas estranxeiras máis estudadas polos galegos e as galegas, tanto nos institutos como nas escolas oficiais de idiomas". 

Incumprimento da lei

Pola súa parte, a portavoz de Cultura do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Mercedes Queixas, acusou o Partido Popular de incumprir a citada Lei 1/2004. A nacionalista referíase, concretamente, ao artigo 5, referente ao informe do balance da aplicación da lei e de previsión de actuacións no exercicio seguinte, que o Goberno galego debe entregar anualmente ao Parlamento. "Impídesenos desenvolver o noso traballo como representantes políticos", afirmou a nacionalista. 

Queixas tamén incidiu en que "a aplicación da lei é manifestamente mellorábel", sinalando que nos seus tres eixos de actuación (docencia, comunicación social e relacións exteriores), os avances foron "escasos". 

"Actitude escapista"

Ante a intervención de García, a portavoz de Lingua do PSdeG, Noa Díaz, alertou onte na mesma comisión de que a Xunta leva nove anos incumprindo a lei Paz Andrade, un texto que é "sistematicamente 'ninguneado' polo Goberno galego". Afirmou que a día de hoxe menos centros educativos  que ofrecen portugués, e advertiu que malia a Lei Paz Andrade e as "declaracións de intencións" da Xunta da Galiza, "non existe oferta regular de portugués para moitísimo alumnado no noso país".

Díaz denunciou "actitude escapista" do Goberno galego, que logo dunha década de vixencia da lei, continúa amosando "pouca emoción e menos compromiso co seu cumprimento. Sinalou que a precariedade do profesorado de lingua portuguesa continúa sen resolverse, e mesmo desatenderon o seu compromiso de incorporar a opción de portugués no sobre de matrícula de secundaria.

Comentarios