"Por fuciños, por cacheiras!": a Xunta confirma, con tres anos de atraso, a canle xabarin.gal

En maio de 2021 o Parlamento acordou a proposta por unanimidade, e hoxe o conselleiro Román Rodríguez anunciou que será unha realidade en 2024.
Ilustración do Xabarín Club realizada por Kiko da Silva.
photo_camera Ilustración do Xabarín Club realizada por Kiko da Silva.

A Iniciativa Xabarín pola programación infantil e xuvenil en galego na televisión aprobouse por unanimidade no Parlamento galego en maio de 2021, avalada por máis de 33.000 persoas. O BNG interpelou esta cuarta feira ao Goberno galego polos motivos de que, dous anos despois daquel acordo por unanimidade, segue sen cumprirse o acordo parlamentario. "Hai un incumprimento grave", sinalou a deputada nacionalista Mercedes Queixas, que lembrou que aquel acordo promovido pola Mesa con amplo apoio social recollía que a TVG “aumentaría a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade".

Na súa reposta, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, anunciou que para 2024 estaría operativa a canle xabarin.gal, cunha programación "de estrea e específica". Unha canle que chega tres anos despois do acordo por unanimidade na Cámara galega. Para Mercedes Queixas, o atraso mostra o "proceder" dun Partido popular que ante "unha iniciativa popular apoiada por miles de persoas", responde "á contra".

O acordo parlamentar promovido pola Mesa con amplo apoio social recollía que a TVG “aumentaría a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade, a través do reforzo e a promoción das 4 canles Xabarín” e que “o sinal destas canles sería distribuído a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil”, con “programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como aplicacións actualizadas”.

Porén, advirtiu o presidente da asocación en defensa da lingua, Marcos Maceira, “a realidade é que a día de hoxe nada disto existe”. “Pola contra”, abunda Maceira, “a programación infantil e xuvenil en galego é apenas 0,83% da dispoñíbel nas operadoras de televisión e a TVG reduciu o espazo reservado a esta programación na segunda canle”.

En relación a TVE, o acordo do Parlamento galego instaba á dobraxe e á lexendaxe na súa canle infantil e a disposición adicional 5ª da nova lei do audiovisual obriga a facelo nos contidos destinados a menores de 12 anos. Sen embargo, denuncia o presidente da Mesa, “o galego está dispoñíbel en 0% das súas emisións na canle temática Clan”.

Comentarios