Abascal pide no Congreso a fin do “apartheid lingüístico” en Galiza contra os castelanfalantes

O líder de Vox volveu reiterar na Cámara española a necesidade de “ilegalizar” as organizacións “separatistas”.

Vox congreso

Santiago Abascal volveuno facer. Unha vez máis, o lider de Vox, formación que ten cero representantes na Galiza, falou de “apartheid” contra os españolfalantes naqueles territorios que teñen lingua propia, tamén na Galiza.

Pouco importa que estudos, informes e a propia realidade do día a día, cotiá, neguen ese ‘apartheid’ do que fala Abascal; el teima en denunciar que na Galiza os falantes de español están popuco menos que perseguidos e estigmatizados.

Desta volta foi no Congreso dos Deputados. O dirixente ultra dereitista –que se gaba de ter unha aboa galega- acusou  Pedro Sánchez de ir “cesión” tras “cesión” ante os “independentistas”. Fronte a iso, dixo, a proposta de Vox era clara: “ilegalización dos partidos secesionistas” e acabar co “apartheid lingüístico na Galiza e Catalunya”.

Nada orixinal no discurso da formación de extrema dereita, que xa reiterou en máis ocasións a súa aposta por ilegalizar BNG, ERC, EH Bildu, Junts e PNV; así como situar galego, euskara e catalán nunha posición de ‘secundóns’ a respecto do español .

Cómpre lembrar que VOX chegou a presentar un recurso para que se revoguase a acta de deputado a Néstor Rego e das representantes das formacións soberanistas de Catalunya e Euskadi, baixo a acusación de teren cometido fraude de lei por acatar a Constitución baixo fórmulas que aluden á defensa dos dereitos dos seus pobos e da liberdade.

Comentarios