A visibilidade das letras galegas na web centra a Asemblea Xeral da AELG

No decorrer da asemblea deuse conta da terceira fase de elaboración do Libro Branco de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG (Foto: Nós Diario).

Este sábado decorreu a Asemblea Xeral de socios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Nela acordouse que Fina Casalderrey sexa a próxima ‘Escritora na súa Terra – Letra E’ e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo novena edición, a cal terá lugar no mes de xuño en Pontevedra.

Acordouse tamén que a escritora e xornalista mexicana, con raíces galegas, Lydia Cacho sexa a Escritora Galega Universal en 2023.

Aliás, aprobouse o programa de actividades para 2023, que xa comezaron co Día de Rosalía de Castro, segundo apuntan desde a AELG.

O programa aposta por “continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG”.

Xornadas de formación

Tamén, sinalan desde a AELG, terá lugar “a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral coa celebración dunha nova Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da organización de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a décimosexta, da Xornada de Literatura de Tradición Oral”.

Durante o decorrer da asemblea informouse, igualmente, da celebración neste 2023 do Congreso ‘Máis alá, a poesía dun novo milenio’.

Tamén se deu conta da terceira fase de elaboración do Libro Branco de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

“A visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e máis das páxinas individuais con que as persoas socias contan no Centro de Documentación da web da AELG, tanto nos contidos como nas entrevistas audiovisuais, que permiten continuar reforzando este espazo como un dos principais referentes da visibilización e divulgación da literatura galega actual”, acrecentan.

A Presidencia da AELG informou tamén da continuación dos traballos de elaboración dun documental de aniversario da asociación, no cal se repasa a historia da entidade durante todos estes anos.

Comentarios