A AELG inaugura a iniciativa audiovisual 'A literatura galega nas súas voces'

Escritoras e escritores móstranse nun cento de vídeos duns 15 minutos. A lista de reprodución poderá verse no Portal da Lingua Galega e na canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Valentín García e Cesáreo Sánchez Iglesias na presentación (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Valentín García e Cesáreo Sánchez Iglesias na presentación (Foto: Xunta da Galiza).

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) presentou nesta terza feira no Pazo de San Roque, en Compostela, un dos seus proxectos máis ambiciosos para dar a coñecer e visibilizar o traballo de creadoras e creadores de literatura: 'A literatura galega nas súas voces'. 

Na xeración máis audiovisual dos últimos tempos, esta iniciativa ten como obxectivo coñecer mellor, a partir da imaxe e da palabra, como son as autoras e os autores do país. Nomes como Antón Reixa, Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre ou Vitorino Pérez Prieto explican, len e partillan un anaco da súa obra.

O proxecto conta cun cento de vídeos duns 15 minutos de duración e continuará aberto a novas incorporacións nunha experiencia que contou coa colaboración do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. 

De fácil acceso e útil tamén para o ensino

Na presentación participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias. En opinión de Valentín García, "nunca ninguén mellor ca eles" para relatar a experiencia de escribir a súa propia obra. 

A lista de reprodución dos vídeos, ordenados por orde alfabética segundo o nome da persoeira ou persoeiro, poderá verse no Portal da Lingua Galega e na canle de Youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Desta maneira, facilítase o acceso directo de toda a cidadanía á creatividade da literatura galega e promóvese a súa dinamización e visualización no ámbito dixital, en especial nos usos no ensino. Sánchez Iglesias sinalaba, sobre esta posibilidade, que "é importante que a Administración educativa teña estes contidos máis aló do ámbito de xestión". 

Traballo de arquivo audiovisual da AELG

Estes que agora se publican non son os primeiros contidos audiovisuais e sonoros que difunde a AELG. Esta entidade leva anos difundindo a través da súa páxina web e as redes sociais numerosos documentos gravados polos membros da súa comunidade literaria.

Así, visitando o seu portal localizamos o apartado 'Palabra audiovisual' no que atopamos dezanove xéneros tan dispares como poemas visuais ou lecturas dramatizadas. A maiores, na propia web a asociación ten aberto un arquivo fotobiográfico que reúne fotografías actuais e históricas baixo distintos tipos de licenzas.

Comentarios