A AELG conmemora o 'Día de Rosalía' cun acto no Panteón de Galegos Ilustres

O acto central da efeméride tivo lugar na mañá do sábado 25 de febreiro en San Domingos de Bonaval.
Acto de homenaxe a Rosalía no Panteon dos Galegos Ilustres.
photo_camera Acto de homenaxe a Rosalía no Panteon dos Galegos Ilustres.

O Panteón dos Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval, acolleu este sábado a tradicional homenaxe a Rosalía, convocada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e protagonizada por un recital de poemas da autora e unha ofrenda floral.

No acto, ao que asistiron representantes da corporación municipal de Compostela, da Deputación da Coruña, da Xunta da Galiza, do Parlamento galego, da Fundacion Rosalía de Castro, do Consello da Cultura, da Real Academia Galega e da agrupación cultural o Galo, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, abriu o acto cunha intervención na que reclamou a creación dun Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, que sexa laico e de acceso e propiedade pública.

 

Nesta mesma liña, o presidente da AELG lembrou estes 14 anos de loita e celebración da obra de Rosalía que, asegura, deron aos galegos e galegas un rostro individual e recoñecíbel ante eles e o resto do mundo. Desde 2010 a AELG busca institucionalizar o Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da literatura galega, animando á cidadanía a agasallar cun libro en galego e cunha flor nese día.

Ademais, Cesáreo Sánchez destacou o papel da autora, "sempre no lado máis humilde e na procura da xustiza" e como achegou ferramentas que permitan entender o feminismo comunitario, decolonial, indíxena ou afrodescendente.

 

Durante o acto leuse o manifesto redactado para a ocasión pola filósofa e ensaísta Carme Adán, e voluntarios de diferentes entidades e asociacións (Xosé Ramón Fernández Vázquez, Susana Peleteiro, Xosé Manuel Carril, Pilar Lueiro García, Eli Ríos, María Álvarez Landesa, Eva Teixeiro, Carmen Villar, Susana Méndez Ramos, Beatriz Maceda Abeleira e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía) puxeron voz aos poemas de Rosalía, acompañados da interpretación musicalizada de escritos galegos a cargo do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

A celebración rematou coa ofrenda floral na tumba da autora e coa interpretación do himno galego.

Comentarios