A Valedora do Pobo exixe á Xunta que traduza os documentos dun proxecto eólico redactados en inglés

Segundo a Valedora, a Adminsitración debe "indicar en que páxinas do proxecto está integramente incorporada a tradución dos anexos en outras linguas non oficiais ou ben por publicar eses documentos traducidos a ambas linguas oficiais da comunidade autónoma".
Protesta da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova contra o proxecto Monte da Neve. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova contra o proxecto Monte da Neve. (Foto: Nós Diario)

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova informou nesta segunda feira da decisión da Valedora do Pobo de atender a súa queixa e exixir á Xunta que traduza do inglés a documentación presentada pola empresa promotora do proxecto de parque eólico Monte da Neve, Bay Wa.

A queixa da plataforma, tramitada pola Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL), e contestada positivamente pola Valedora o pasado 18 de abril, denunciaba o "uso dunha lingua non oficial na Galiza no anexo número 14 ao Estudo de Impacto Ambiental nas solicitudes e autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental" do proxecto, que afectará aos concellos de Celanova e Verea.

Nun escrito dirixido á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía en Ourense, a Valedora explica que, "tendo en conta que a documentación sometida a información ambiental no só debe ter a máxima difusión senón que debe ser comprensíbel para os seus destinatarios, o órgano substantivo, ou no seu caso, o órgano ambiental, deben incorporar esta información de xeito útil para o seu íntegro coñecemento aos efectos da información pública".

Neste sentido, explica que a Adminsitración debe "indicar en que páxinas do proxecto está integramente incorporada a tradución dos anexos en outras linguas non oficiais ou ben por publicar eses documentos traducidos a ambas linguas oficiais da comunidade autónoma".

Inacción da Xunta

A plataforma culpa á Xunta por "consentir" as prácticas das empresas promotoras de "pór obstáculos á participación cidadá no proceso de avaliación de infraestruturas con impactos severos á paisaxe, ao patrimonio e ao medio natural, alén dos riscos evidentes e minimizados nos informes da parte empresarial que para a saúde da veciñanza ten en concreto este proxecto industrial".

Stop Eólicos Xurés Celanova explica tamén que xa advertira á Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Economía, Empresa e Innovación, do uso do inglés na documentación deste proxecto eólico que se somete a exposición pública.

O órgano substantivo, ou no seu caso, o órgano ambiental, deben incorporar esta información de xeito útil para o seu íntegro coñecemento aos efectos da información pública

Este feito será levado ante a Comisión Europea pola plataforma Eólica Así Non, após ser denunciado no derradeiro informe elaborado polo Consello da Cultura Galega (CGC).

Comentarios