Dez exemplos de vitorias cidadás para o galego

O ano 2022 trouxo até o de agora dúas boas novas para o galego: Netflix incluirá perto de 220 horas de contidos audiovisuais en lingua galega e a Axencia Tributaria ten a obriga de garantir o uso do idioma propio. Dúas conquistas que parten da sociedade galega: da implicación cidadá e das entidades en defensa a lingua. É precisamente este compromiso de base o que logrou en 2021 varias pequenas vitorias para os dereitos das persoas galegofalantes.
Exemplo de toponimia deturpada na sinalización viaria (Foto: Nós Diario)
photo_camera Exemplo de toponimia deturpada na sinalización viaria (Foto: Nós Diario)

Na presentación a finais de marzo do informe da Liña do Galego por parte da Mesa pola Normalización Lingüística, o seu presidente, Marcos Maceira, afirmaba a Nós Diario que "denunciar [as agresións e vulneracións contra o galego] é fundamental porque permite en ocasións acabar con esas agresións". En 2021 houbo exemplos destas "ocasións" nas que se puido rematar coa vulneración de dereitos, tanto en entidades públicas como en empresas privadas e das que dá conta A Mesa. Eis algunhas das queixas cidadás tramitadas pola Liña do Galego e que tiveron éxito:

1.- Sanidade. A aplicación É-Saúde iniciábase por defecto en español. Cando se tramitou a queixa, a Consellaría de Sanidade deu traslado para que se mudase a prioridade da aplicación para que o idioma seleccionado por defecto fose o galego.

2. Concello de Vigo. Máquinas de aparcadoiros como as da Praza do Rei figuraban exclusivamente en español e inglés. Tras a tramitación da queixa, o Concello comprometeuse a incluír o galego.

3. Ministerio de Transportes. A Liña do Galego tramitou as queixas pola deturpación de topónimos en indicadores da estrada N-550 no tramo da parroquia pontevedresa de Cerponzóns. O Ministerio comprometeuse a empregar a forma correcta.

4. CRTVG. A política de privacidade da páxina web da Televisión da Galiza figuraba exclusivamente en español. Coa correspondente queixa, conseguiuse que figure en galego.

5. Abanca. A entidade non dispuña da versión en galego da documentación requirida para a tramitación da tarxeta de transporte da Galiza nin da tarxeta Xente Nova. Abanca comprometeuse a corrixir esta situación como consecuencia do traslado da queixa.

6. Ministerio de Sanidade. Denunciouse que en aplicacións do Ministerio figuraban deturpados topónimos como o de Ourense. Tramitada a queixa, o departamento estatal puxo os topónimos legais, en galego.

7. Concello da Coruña. Unha exposición organizada polo Concello contaba cun cartel integramente en español, no que se indicaba ademais que as visitas serían en español como regra xeral, quedando condicionadas a reserva as visitas en galego ou en inglés. Trasladada a queixa, o Concello da Coruña, garantiu a dispoñibilidade en galego das visitas guiadas sen necesidade de reserva.

8. Lidl. A cadea alemá usaba na Galiza topónimos deturpados como 'Villagarcía de Arosa', que foron corrixidos após varias queixas recibidas.

9. Ministerio de Política Territorial. Un concurso en Pontevedra estaba exclusivamente en español, o que foi corrIxido após as queixas.

10. Concello de Carnota. Tramitáronse as queixas polos paneis de parques infantís que estaban unicamente en castelán para que estivesen en galego. 

Unha denuncia diaria por discriminación lingüística

A Liña do Galego é un servizo gratuíto que A Mesa pola Normalización Lingüística pon a disposicións da cidadanía desde 2008 e no que se poden presentar queixas sobre a vulneración dos dereitos lingüísticos ou no que se poden facer consultas respecto a estes dereitos. Ao longo de 2021, a entidade tramitou un total de 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 foron consultas e 58 foron parabéns.

As administracións públicas e, nomeadamente o Sergas, acumulan o maior número de queixas. A secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, explicaba que, en xeral, "é no ámbito da Administración onde a cidadanía é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración". 51% das queixas son sobre a Administración galega, 28% afectan á do Estado e 21% á Local. Porén, Armas sinalaba tamén que "no sector privado aínda hai moito por avanzar". Neste sentido, denunciou que as empresas sobre as que máis queixas se rexistraron en 2021 foron Naturgy, Ikea, Gadis, Google, Endesa e o Centro Comercial Vialia.

Comentarios