Ribeira acollerá o X Día das Galegas nas Letras, dedicado este ano a Aurora Marco

Aurora Marco López, profesora da USC xubilada, escritora, ensaísta, moi unida ao Barbanza e á A. C. Barbantia recibirá esta homenaxe o día 15 de agosto.
A investigadora Aurora Marco é catedrática xubilada de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da USC (Foto: Pablo Ces).
photo_camera A investigadora Aurora Marco é catedrática xubilada de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da USC (Foto: Pablo Ces).

A Asociación Cultural Barbantia en colaboración coa Plataforma de crítica literaria A Sega a e o Concello de Ribeira presentaron o X Día das Galegas nas Letras en celebración da vida e obra de Aurora Marco.

O día será a terza feira, 15 de agosto desde as 12.30 horas no Parque Periurbano de San Roque en Ribeira.

Aurora Marco

Aurora Marco López, profesora da USC xubilada, escritora, ensaísta, tan unida ao Barbanza e á A. C. Barbantia recibirá esta homenaxe.

A orixe deste título, Señora das Letras, naceu en 2014 e nas nove primeiras edicións foron nomeadas: Dorohé Schubart (2014), María Victoria Moreno (2015), María Xosé Queizán (2016), Patricia Janeiro (2017), Marica Campo (2018), Xela Arias (2019), Inma Antonio (2020), Uxía Casal (2021) e Luísa Villalta (2022).

Como explican as mulleres do colectivo na súa páxina web “hai quen senta e observa mentres outros tentan dicirnos quen son dignos e quen non son dignas de entrar no concepto que temos de literatura e de país. Hai quen se laia, hai quen concorda, hai quen simplemente nin atende. E logo estamos as que collemos o foucín, arrefuzamos as mangas e botamos o sombreiro ancho para saír de Sega".

Nese espírito, desde A Sega, en colaboración coa A. C. Barbantia e o Concello de Ribeira convocámosvos esta celebración.

A celebración comezará cun roteiro imaxinario pola vida e obra de Aurora Marco, conducido por Susana Aríns.

Contnuará coa lectura dun manifesto, discurso da homenaxeada e, despois do xantar, música, teatro, micrófono aberto con intervencións sobre a homenaxeada.

Comentarios