Aurora Marco gaña o Premio de Investigación Baltar Feijóo coa obra 'Irmandiñas'

O xurado salientou que "é unha obra de dilatada investigación que ilumina unha parte fundamental da cultura galega contemporánea desenvolta no período das Irmandades: a protagonizada por mulleres". 
A escritora Aurora Marco (Foto: Fundación Rosalía de Castro).
photo_camera A escritora Aurora Marco (Foto: Pablo Ces).

O xurado do III Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo reuniuse esta sexta feira para deliberar e optou de forma unánime por galardoar Irmandiñas (Laiovento, 2020) da autoría de Aurora Marco como obra máis destacada dos dous últimos anos no estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela.

O xurado salientou que "é unha obra de dilatada investigación que ilumina unha parte fundamental da cultura galega contemporánea desenvolta no período das Irmandades: a protagonizada por mulleres". 

"Contén un grande esforzo investigador que inclúe documentación escrita e gráfica e vén agrandar toda unha traxectoria guiada polo obxectivo de restaurar para a muller o papel que lle corresponde na sociedade", acrecentou o xurado.

O xurado

O xurado, que se reuniu de forma presencial e telemática, estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Lydia Fontoira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; ademais de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.

Irmandiñas consegue, a través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos e fontes orais, confirmar documentalmente que na acción social, cultural e política tamén estaban elas, a ollos do xurado.

A gañadora

Aurora Marco López (Noguera de Albarracín, Teruel, 1948) é catedrática xubilada de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da USC. Nos últimos trinta anos centrouse na recuperación e visibilización das mulleres galegas.

É tamén autora de numerosas obras entre as que se encontran As Precursoras (1993); Mulleres e educación en Galiza (2002); Dicionario de mulleres galegas (2007) ou Elas (2015).

Comentarios