Contracultura

Aurora Marco: "No universo irmandiño só brillaba a galaxia masculina; faltaban moitas estrelas que deron luz"

Aurora Marco, catedrática xubilada, foi galardoada antonte co Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo pola súa obra Irmandiñas. Marco aborda a invisibilización do papel das mulleres no movemento das Irmandades da Fala, así como a necesidade de recuperalo, xa que, como ela di, “o invisíbel tamén ten historia”.
A investigadora Aurora Marco é catedrática xubilada de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da USC (Foto: Pablo Ces).
photo_camera A investigadora Aurora Marco é catedrática xubilada de Didáctica da Lingua e Literatura Galega da USC (Foto: Pablo Ces).

Que significou saber que gañara o Premio Baltar Feijóo?

Un recoñecemento ao traballo, o que resulta ben gratificante. Coas Irmandiñas andei catro anos de pescuda perseverante co obxectivo de levantar ese opaco manto que envolveu tantas mulleres durante un século e que as mantivo ocultas nos espazos do invisíbel. Mais o invisíbel tamén ten historia. Significa a valorización do labor desenvolvido por elas. É unha forma, ben sei que tardía, de nomealas, de situalas na historia, de homenaxealas…

E debe ter o seu significado para os fillos e fillas, sobriños, netas, coas que contactei, que sentirán o orgullo de pertenceren á estirpe das irmandiñas, recoñecidas con este premio, igual que co Follas Novas que me deron o ano pasado. 

Como xurdiu esta investigación?

O mesmo ano do centenario, 2016, mentres escribía para un simposio sobre dúas irmandiñas ignoradas na práctica. Excepto seis ou sete xa coñecidas, sobre as que se volvía unha e outra vez coa mesma información, para as demais o silencio e o esquecemento pesaron como unha lousa. Había que buscalas, visibilizalas, dar a coñecer os seus contributos porque era impensábel que naquel movemento transversal tan vital para Galiza non houbese máis mulleres… Iso fixen. No universo irmandiño só brillaba a galaxia masculina, ben importante, abofé, mais faltaban outras moitas estrelas que deron luz e calor nos anos en que centrei a investigación, 1916-1936, data aciaga esta última na que o furacán do franquismo deixou unha Galiza devastada, chea de sangue e dor. 

O proceso de documentación foi moi laborioso e non exento de dificultades. Tratar de encher un baleiro tan prolongado no tempo precisou de moita dedicación e dunha metodoloxía ecléctica que iniciei a comezos dos 90 con As precursoras as investigacións de xénero. 

Que pode chamar a atención dunha persoa que chega ao libro sen información? 

O elevado número de mulleres que desde diferentes ámbitos de ocupación se entregaron á defensa de Galiza e da súa lingua e cultura, á construción do país que amaban e no que crían, ao traballo pola consecución da autonomía, á defensa dos direitos femininos. O que hoxe entendemos por mulleres empoderadas. Mais non foi un paseo por unha alfombra cuberta de pétalas de rosa porque o androcentrismo campaba por todas partes. Elas teimaron nas súas reivindicacións e loitaron contra os mares para ocuparen o espazo que lles pertencía. 

A xulgar polos comentarios que me chegaron de amábeis lectoras e lectores, houbo dous feitos que sorprenderon moito: a presenza feminina no Seminario de Estudos Galegos nun momento en que aínda eran poucas as que pisaban os claustros universitarios e a existencia de tantas militantes do Partido Galeguista, até 27 na agrupación galeguista de Asados (Rianxo). 

Por que se obvia o seu papel no movemento?

Creo que se obviou igual que noutros períodos da nosa historia. Aínda que, por cinxirme ao século XX, o papel das mulleres foi fulcral non só naquel período senón no que viría despois do golpe militar, no que se involucraron bastantes irmandiñas republicanas, pagando polo seu compromiso. As persoas que incorporamos nas nosas investigacións o paradigma de xénero ben sabemos que as mulleres de hoxe non chegamos até aquí por xeración espontánea. 

Tamén temos as nosas devanceiras, algunhas ben próximas porque eu coñecín dúas das que están no libro, xa desaparecidas. O que ocorre é que sempre houbo problemas de transmisión e visibilidade e esa Historia do masculino, que hai que desbotar por inexacta, desigual e inxusta, foinas excluíndo do relato oficial e do ensino académico. Por iso é tan importante lembrar, recuperar, reconstruír… E recollermos os froitos que elas deixaron sementados.

Comentarios