O uso do galego na escola caeu en picado coa entrada en vigor do 'decreto do plurilingüismo' do Goberno de Feixoo

O último informe da Real Academia Galega sobre a incidencia da lingua do país na infancia ofrece datos demoledores en relación cunha das normas estrela impulsadas polo Goberno de Núñez Feixoo. O galego perde relevancia nun ámbito, o educativo, que representa precisamente a principal vía de aprendizaxe do idioma para as crianzas.
As materias impartidas en lingua galega pasaron de 72% a 52,6%, segundo os datos da RAG. (Foto: Arxina)
photo_camera Só a metade das persoas enquisadas recibiu a maior parte da docencia en galego, por volta de 72% antes do decreto. (Foto: Arxina)

Cando Alberto Núñez Feixoo recalou en San Caetano en 2009 fíxoo cunha promesa que non tardou en cumprir: derrogar o Decreto 124/2007, impulsado polo Goberno de PSdeG e BNG e que regulaba o uso e promoción da lingua galega no ámbito escolar, xustificando que a norma encamiñábase "cara á obtención dunha competencia adecuada en lingua galega sen o estabelecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias en lingua castelá, o cal podería chegar a mudar o modelo de conxunción de linguas".

O seu substituto, o Decreto 79/2010, 'do plurilingüismo', naceu xa inzado de críticas por cuestións como o apartado que abría a porta ao alumnado a expresarse, "nas manifestacións oral e escrita", en castelán nas materias impartidas en galego —agás en Lingua e Literatura—. Tamén dispuña que cada centro educativo, previa consulta ás nais, pais ou titores legais, podería determinar a lingua vehicular de todas as materias, coa mesma excepción. Ambas as disposicións, porén, foran tombadas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza ao consideralas "contrarias" á Lei de normalización lingüística de 1983.

Porén, si ficou en vigor a opción das escolas de impartiren "até un terzo do horario lectivo" nunha terceira lingua alén da galega e a castelá. Daquela Núñez Feixoo defendera que a norma supuña "pensar no futuro", co fin de que as e os cativos educados na Galiza puidesen "competir en igualdade de condicións nun mundo máis global".

Agora, máis dunha década despois da entrada en vigor do 'decreto do plurilingüismo', cómpre preguntarse que efectos tivo no ensino. E a Real Academia Galega vén de dar resposta no informe Prácticas lingüísticas na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización, da autoría de Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo, Gabino S. Vázquez-Grandío e Anik Nandi e presentado esta terza feira.

O impacto do 'plurilingüismo'

O documento constata, no apartado que analiza o impacto das diferentes mudanzas lexislativas en materia lingüística, que o Decreto 124/2007 do Goberno de coalición disparou o uso da lingua nos diferentes ámbitos do sistema educativo até niveis nunca antes vistos.

Así, o principal factor, a súa utilización nas aulas á hora de impartir as diferentes materias, desvela que até 72% das persoas enquisadas para a elaboración deste informe recibiran a maior parte da docencia en galego, fronte ao 48,9% de estudantes aos que lles foran previamente impartidas a maioría das materias na lingua do país, segundo os mesmos datos, após a entrada en vigor do Decreto 247/1995, impulsado polo Executivo de Manuel Fraga para aplicar na escola os obxectivos dispostos na Lei de normalización.

Esa maior presenza na docencia elevou tamén o idioma propio noutros ámbitos como os usos orais do alumnado co profesorado (49,3% das persoas enquisadas, fronte a 41%), os usos escritos (63,9%, fronte a 40,4%) ou nos exames (64,7%, fronte a 42,3%). Non así, porén, no uso cos demais compañeiros e compañeiras no tempo de lecer, pois este indicador ficou invariábel en 38,5% dos casos coa aprobación da norma impulsada por PSdeG e BNG.

Porén, a situación mudou radicalmente após a entrada en vigor da norma do Goberno de Núñez Feixoo, pasando de 72% de aulas impartidas en lingua galega a só 52,6%, co consecuente efecto 'arrastre' no uso entre o alumnado (27,7%), nas relacións co profesorado (37,5%), nos usos escritos (45,3%) e nos exames (47,4%).

"A aplicación do decreto do galego (Decreto 124/2007) tivo unha repercusión directa no retroceso nos usos non formais e durante eses anos as prácticas dos galegofalantes mantivéronse. A aplicación do Decreto do plurilingüismo (Decreto 79/2010) estivo relacionado coa volta do desprazamento que se viña a producindo no marco das relacións horizontais", sostén o estudo.

Resulta especialmente significativo o caso das relacións co profesorado e a comunicación entre o propio alumnado, pois ambos os rexistros non só minguaron co 'decreto do plurilingüismo' en comparanza coa situación precedente que deixara o decreto 124/2007 [Goberno bipartito], senón que os datos son inferiores tamén aos inmediatamente posteriores á aplicación do decreto 247/1995 de Fraga.

A escola, principal vía de 'galeguización'

É preciso salientar tamén, a este respecto, a perda de peso da familia na aprendizaxe do galego, pois só nas últimas catro décadas caeu 20 puntos, pasando de 82% a 62,3%. Caso contrario é o da escola, cuxa importancia como factor 'galeguizador' disparouse nos últimos anos e hoxe este indicador fica en 94,7%, isto é, que o ámbito educativo representa a principal e máis importante vía de aprendizaxe do idioma propio.

Evolución da importancia da familia e a escola na aprendizaxe do galego. (Fonte: Adaptación propia [da RAG] dos datos do IGE 2019)
Evolución da importancia da familia e a escola na aprendizaxe do galego. (Fonte: Adaptación propia [da RAG] dos datos do IGE 2019)

Os autores precisan a este respecto que "isto xera a impresión de que as últimas décadas supuxeron un proceso de transición dunha sociedade maioritariamente galegofalante coa familia como principal axente de transmisión, a unha sociedade castelanfalante onde a adquisición da lingua minoritaria depende en boa medida da educación formal".

Comentarios