Educación

Sen prazas de portugués nas oposicións de ensino: "Estamos a tempo de que a Xunta rectifique"

A proposta da Xunta por especialidades de cara ás oposicións de ensino público deste ano non recolle ningunha praza de portugués.
Na Galiza estudan portugués unhas 5.000 persoas. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Na Galiza estudan portugués unhas 5.000 persoas. (Foto: Xunta da Galiza).

Docentes de Português na Galiza (DPG) reclaman á Xunta da Galiza que corrixa a asignación de prazas que a Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades deu a coñecer a pasada terza feira de cara á Oferta Público de Emprego no ensino e cuxa proposta inicial non reserva ningún posto para esta lingua en ningunha categoría: nin dentro do corpo de profesorado de ensino secundario nin do corpo de profesorado de escolas oficiais de idiomas (EOI).

O colectivo urxe unha rectificación: "Aínda estamos a tempo", subliña en conversa con Nós Diario Luís Fontenla, membro da directiva da DPG. "Non queremos ser alarmistas e dicir que non ten solución", insiste, porque a Xunta ten a oportunidade de mudar a oferta definitiva e incluír prazas de portugués na oferta deste ano, xa que o próximo día 16 reúnese a mesa sectorial de ensino na que se analizará a proposta de distribución de prazas por especialidades enviada ás organizacións sindicais esta mesma semana.

Desde que en 2019 se estreou a especialidade de portugués no ensino secundario, a convocatoria de prazas foi constante malia se ofertar sempre un "número tímido" que os docentes de portugués, no último minuto, puxaban por aumentar.

Non foi unha sorpresa pero si que acollemos con desagrado esta primeira oferta

"Este ano queriamos fuxir desta pelexa de última hora. Foi por iso que nos avanzamos e nos reunimos con todos os grupos parlamentares para explicarlles que 10 anos despois da Lei Paz Andrade xa se dan as condicións para ser, se non máis ambiciosos, si máis sensatos co número de prazas ofertadas de lingua portuguesa".

Sensatez

A Lei Paz Andrade chama a introducir o portugués no ensino de forma progresiva, un compromiso que require a promoción da lingua non deixar a cero o número de prazas ofertadas e que "sen decretos, ordes nin circulares que a desenvolvan", parece depender só "das boas vontades do momento", apunta o profesorado de portugués nunha carta aberta remitida ao conselleiro de Educación Román Rodríguez

"Dez prazas no ensino secundario e catro nas EOI foi a proposta que a DPG, desde a sensatez, puxo enriba da mesa a todos os grupos, para manter o que xa hai e podermos avanzar un pouquiño máis este ano".

Nada apuntaba que a primeira proposta da Xunta deixase sen praza ningunha a lingua portuguesa, fronte ás 80 máis 15 asignadas ao inglés e as 10 máis 11 de francés en secundaria e nas EOI, respectivamente. "Non foi unha sorpresa pero si que acollemos con desagrado esta primeira oferta, que non só non propón poucas prazas senón que non convoca ningunha para a especialidade de portugués", destaca Fontenla.

Na Galiza estudan portugués unhas 5.000 persoas, segundo datos da DPG. Nos últimos catro anos o alumnado que se matriculou nesta lingua creceu en máis de 2.000, "mais para o sistema avaliador, tecnicamente, a materia é pequeniña, residual".

Un lugar na lusofonía

"A Paz Andrade é unha lei que coloca a Galiza no mapa dos países que apostan por entrar na lusofonía". Para iso hai que cumprir os acordos e convocar máis prazas de portugués. "Non o facer é como dar por morta a Paz Andrade, mais consideramos que hai tempo e que a Xunta aínda pode corrixir a súa proposta inicial. Iso é que queremos".

Sen oposicións, conclúe Luís Fontenla, é imposíbel introducir novos docentes no sistema público e lograr que o profesorado que xa imparte portugués adquira a especialidade e regularicen a súa situación. "É o momento de rectificar".

Comentarios