Apenas catro prazas para docentes de portugués nas oposicións de 2022

A Asociación Docentes de Português na Galiza denuncia o desleixo do Goberno co ensino do portugués, reservando só catro prazas nas oposicións de 2022 para impartir esta materia.
Aula no ano lectivo 2020-2021. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Aula no ano lectivo 2020-2021. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Asociación Docentes de Português na Galiza, apoiada pola Associaçom Galega da Língua, a Academia Galega da Língua Portuguesa e A Mesa pola Normalización Lingüística, denunciou a cuarta feira que a convocatoria de oposicións de 2022 apenas inclúe catro prazas para a especialidade de portugués na Educación Secundaria Obrigatoria.

A entidade traslada a súa contrariedade por unha política de “mínimo desenvolvemento” no que atinxe á oferta de clases de portugués, e salienta que xa remitiron un escrito conxunto á Consellaría de Educación.

En setembro, só 12 docentes foron contratados para impartir esta materia nos máis de 75 centros de ensino onde está presente, polo que critican “que a maioría do ensino da lingua portuguesa continúa a ser realizado e mantido a través do voluntarismo dos docentes”.

Nese sentido, subliñan que este compromiso é anterior á aprobación da Lei Valentín Paz-Andrade, polo que agradecen “o esforzo a prol da materia”.

As e os docentes reclaman un aumento significativo da oferta de portugués na ESO “como unha urxencia para non desaproveitar os consensos” xerados pola aprobación da Lei.

Lembrando que o Estado entrou na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa grazas ás xestións do Goberno, apuntan que é preciso que continúe a liderar os espazos de integración na lusofonía.

Oito anos sen desenvolver a Lei

Asemade, advirten que se o Executivo “non ocupa un lugar destacado na promoción do ensino de portugués”, serán outras entidades as que ocupen ese lugar, cando xa son oito os anos “sen desenvolver a Lei coa convicción que se agardaría”.
 

Comentarios