O PP veta pedir á Xunta un informe sobre as queixas polas trabas ao galego nas administracións

A portavoz de Lingua do grupo parlamentar do PSdeG, Concepción Burgo, lamentou o veto do PP a unha proposta socialista para pedirlle á Xunta un informe sobre as denuncias ou queixas presentadas por dificultar o uso dalgunha das linguas oficiais polas administracións ou entidades públicas en Galiza. Advertiu que “non temos ningún dato oficial” sobre estas queixas que a Xunta “non quere dar” cando se trata da administración que máis queixas recibe por conculcar o dereito á libre elección da lingua. Apuntou aos informes da Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística, os únicos datos xerais coñecidos e que inhdican a que en torno ao 52 por cento das queixas corresponden ás administracións autonómica, estatal e local.

A administración autonómica, explicou, é a que máis queixas recibe, indica, “con funcionarios que negan a comunicación oral ou escrita en galego, ou carece de formularios alternativos ao castelán, cunha actitude que “parece contraria ao uso do galego de forma continuada”.

Neste momento, advertiu, resulta “imposible coñecer a intensidade e contidos das reclamacións, que serían fundamentais para coñecer a situación real de convivencia das dúas linguas e as áreas de especial conflitividade, que permitiran poñer algunha solución”.

Comentarios