PP e PSOE únense contra o deber de coñecer o galego

A maioría do Congreso contra a pluralidade lingüística
Representantes das entidades promotoras da iniciativa e dos grupos políticos asinantes da iniciativa. (Foto: MNL)
photo_camera Representantes das entidades promotoras da iniciativa e dos grupos políticos asinantes da iniciativa. (Foto: MNL)

A maioría do Congreso dos Deputados opúxose na terza feira a unha proposición non de lei presentada polas forzas nacionalistas, Más País e Unidas Podemos, onde se defendeu o recoñecemento dos mesmos dereitos e deberes para o conxunto das linguas do Estado español, pondo remate á situación de discriminación das linguas cooficiais. 

A proposta xurdiu dos colectivos en defensa do idioma de Asturias, Aragón, Catalunya, Euskal Herria, Galiza e País Valencià, que en meses pasados fixeron público un manifesto a prol da pluralidade lingüística, liberdade, igualdade e democracia.

Un dos asinantes da iniciativa no Congreso dos Deputados, o portavoz do BNG, Néstor Rego, cualificou a Nós Diario de “sorprendente que 40 anos despois da aprobación da Constitución que recoñece a existencia de linguas diferentes ao español non temos aínda esa igualdade de dereitos, onde existe a obriga de coñecer o español pero non o galego e onde persisten máis de 500 normas que impón o recoñecemento do español en detrimento doutras linguas”. A este respecto, Rego significou que “o número de falantes do galego vai minguando e todos os falantes da nosa lingua vemos como temos enormes dificultades para poder vivir con normalidade”.

Igualdade de trato para as linguas cooficiais

A Mesa pola Normalización Lingüística, unha das entidades promotoras da proposta, valorou negativamente o resultado do debate. 

A este respecto, o seu presidente, Marcos Maceira, sinalou a Nós Diario que “os cidadáns de territorios con lingua propia diferente do español, o 45% do total, non teñen liberdade para viviren na súa lingua. Non é un problema de demanda, é ausencia de oferta” e destacou que “todas as linguas son estruturalmente iguais. Todos os pobos son iguais. Non se poden facer diferenzas a respecto do dereito ao seu emprego entre linguas oficiais ou non oficiais, linguas nacionais ou rexionais, linguas maioritarias ou minoritarias. 

“Un sistema político que estabelece diferenzas entre os dereitos e deberes duns cidadáns e outros en función da lingua non é merecente da consideración de democrático”, aseverou Maceira, quen criticou que “no Estado español a desigualdade na garantía dos dereitos lingüísticos foi denunciada por diferentes organismos internacionais como o Consello de Europa ou a propia ONU, unha mostra clara disto atopámola na Constitución, que estabelece o deber de coñecemento só para o español”.

Maceira, quen participou onte nunha rolda de prensa no Congreso con representantes doutras entidades promotoras da iniciativa, afirmou que “se algo cómpre desterrar non é a diversidade senón o racismo, tamén o lingüístico, que despreza, exclúe e discrimina persoas por formaren parte dunha comunidade lingüística e non renunciaren a continualo facendo”. 

Nesta liña, lembrou que “hai 40 anos que o galego é cooficial, temos dereito a usalo, mais a súa presenza e dispoñibilidade non se corresponde con tal consideración se a contrastarmos coa realidade cotiá”.

Comentarios