domingo 18/04/21

A Mesa denuncia ante Bruxelas que Goberno español e Xunta "dan as costas" ás recomendacións do Consello de Europa

O Consello de Europa solicitou á Mesa que valorase a resposta ofrecida polo goberno español ás recomendacións de obrigado cumprimento emitidas en decembro de 2019.

 

Mobilización en defensa do idioma convocada por Queremos Galego. (Foto: Europa Press)
Mobilización en defensa do idioma convocada por Queremos Galego. (Foto: Europa Press)

O Consello de Europa solicitou á Mesa pola Normalización Lingüística que valorase a resposta ofrecida polo goberno español ás recomendacións de obrigado cumprimento emitidas en decembro de 2019 polo Comité de Ministros europeo. No seu informe, a entidade de defensa da lingua denuncia que o Goberno español “non só evita dar resposta ás reclamacións de Europa, indicando que accións realizará para dar cumprimento aos compromisos adquiridos ao asinar a Carta Europea da Linguas, senón que vai un paso máis alá e avala a política lingüísitica no ensino da Xunta, contraria ao galego e á propia Carta, como indicaron o comité de expertos que a avalía e o propio Comité de Ministros nas tres últimas avaliacións”.

As principais demandas do Consello de Europa consistían en garantir o uso do galego nos procedementos xudiciais e na administración e reclamaba que se eliminasen os limites ao ensino en galego en Galiza, en referencia ao decreto 79/2010.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, denuncia que "o informe do Estado ás reclamacións europeas limítase a participar da manipulación á que a Xunta somete os datos estatíticos, obviando que o uso do galego está prohibido nas materias de matemáticas, física e química e tecnoloxía, as dotadas de maior carga horaria, e que un de cada catro menores de 15 declaran seren incapaces de se expresaren en galego".

"Respecto á xustiza", explica Maceira, "chama a atención que sinalen como melloras accións que aínda non se tomaron respecto á intelixencia artificial, sen sequera indicar que o programa informático de xestión Minerva aínda non conta con opción en galego". "E no relativo á administración xeral do Estado", engade, "é escandaloso que se pretenda pasar como verdade un suposto complemento salarial polo coñecemento de linguas cooficiais que nin existe nin se paga, cando nin sequera nas últimas convocatorias da administración do Estado se exixe o coñecemento de galego para a prazas ofertadas en Galiza".

 

comentarios