18-F

"Pasa a gallego": a peculiar anotación de Rueda nun mitin dun PP que axita o pantasma da "imposición" do galego

Segundo os datos procedentes da Enquisa Estrutural de Fogares, 53.699 mozos e mozas menores de 15 anos —23,9% desa faixa de idade— declararon en 2018 descoñecer absolutamente o galego e recoñeceron a súa imposibilidade para expresarse na lingua propia do país, sete puntos máis que en 2008.
Anotacións de Alfonso Rueda no discurso que deu no mitin do PP en Santiago deste sábado. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Anotacións de Alfonso Rueda no discurso que deu no mitin do PP en Santiago deste sábado. (Foto: Agostime / Europa Press)

A participación do daquela secretario xeral do PP na Galiza e hoxe presidente da Xunta e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, nunha manifestación da asociación Galicia Bilingüe ás portas das eleccións de 2009 volve tomar protagonismo nestes comicios mentres el mesmo axita de novo o pantasma da "imposición del gallego".

E, ante este recordatorio que xa lle fixeron máis dunha vez nos últimos días diferentes forzas da oposición, Rueda opta, como no debate da CRTVG da pasada semana, polo silencio. "Miles de nenos entran pola porta do colexio falando galego e saen falando castelán […] Segue detrás da pancarta en contra do galego?", preguntoulle a candidata do BNG, Ana Pontón, que recibiu por resposta unha calada de varios segundos acompañada dunha cara de incerteza.

O Partido Popular recupera nesta campaña electoral o argumentario da 'imposición' —"vostedes queren impor o monolingüismo"—, reprochoulle Rueda a Pontón no único debate no que o actual presidente aceptou participar até o momento —a formación conservadora rexeitou finalmente acudir ao de RTVE malia prometer que o faría—, mentres presume do seu modelo de "bilingüismo harmónico".

Un "bilingüismo", ou máis ben "plurilingüismo", tendo en conta o decreto estrela en materia lingüística impulsado polo daquela Goberno de Alberto Núñez Feixoo, cuxos 'éxitos' baten de fronte coa realidade. Segundo os datos procedentes da Enquisa Estrutural de Fogares, 53.699 mozos e mozas menores de 15 anos —23,9% desa faixa de idade— declararon en 2018 descoñecer absolutamente o galego e recoñeceron a súa imposibilidade para expresarse na lingua propia do país. A cifra representa un incremento de máis de sete puntos en relación a 2008.

Aliás, un informe da Real Academia Galega publicado a finais de 2022 evidenciou que o uso do galego na escola tamén caeu en picado coa entrada en vigor do 'decreto do plurilingüismo' do Goberno de Feixoo. O galego perde relevancia nun ámbito, o educativo, que representa precisamente a principal vía de aprendizaxe do idioma para as crianzas.

Fronte a estes datos e esta estratexia electoral do PP, unha das anécdotas deste pasado sábado, protagonizouna o propio Alfonso Rueda nun mitin en Santiago de Compostela no que, tal e como captaron as cámaras, levaba entre a anotacións do seu discurso indicacións claras sobre que idioma empregar en cada momento: "Pasa a gallego", recollía un dos folios lidos polo presidente galego en compañía do seu homólogo andaluz, Juanma Moreno.

Comentarios