O galego esmorece entre a mocidade após 14 anos de decreto de plurilingüismo

Alfonso Rueda levou unha cruzada contra o galego ao debate electoral da CRTVG. Os argumentos esgrimidos polo candidato do PP á Presidencia da Xunta da Galiza chegan cando a lingua galega sofre a caída máis acusada de todas as que teñen rango de oficialidade no Estado.

Volta á escola-43
photo_camera Colexio de Educación Infantil e Primaria da Barouta, no concello de Ames (comarca de Compostela). (Foto: Nós Diario).

A saúde do galego é crítica. Os datos sobre coñecemento e uso do galego para 2018, os últimos publicados, fornecidos pola Enquisa Estrutural a Fogares do Instituto Nacional de Estatística (INE), sinalan que 24,4% de residentes na Galiza falan sempre en español; porén, esta cifra era en 2003 de 19,66%, en 2008 de 20,28% e en 2013 de 26,25%. Malia a lixeira recuperación de galegofalantes entre 2008 e 2013, os datos avanzan un incremento de usuarios e usuarias do español de 4,74 puntos nun período de 15 anos.

44,13% da poboación entre 5 e 14 anos e 31,86% da faixa entre 15 e 29 anos afirma expresarse sempre en español, 14,54 e 6,39 puntos máis respectivamente que en 2008. Pola contra, só 15,4% da poboación entre 5 e 14 anos afirma falar sempre en galego, chegando esta cifra para as persoas entre 15 e 29 anos a 18,94%, o que representa un descenso de dúas e catro décimas respectivamente en relación ao exercicio de 2008, o último ano completo do Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG na Xunta da Galiza.

As cifras da mocidade

A situación do idioma é particularmente crítica entre a mocidade. Segundo os datos procedentes da Enquisa Estrutural de Fogares, 53.699 mozos e mozas menores de 15 anos, isto é 23,90% desa faixa de idade, declararon en 2018 descoñecer absolutamente o galego e recoñeceron a súa imposibilidade para expresarse nesa lingua. A cifra representa un incremento de máis de sete puntos en relación a 2008, cando 33.639 rapaces e rapazas menores de 15 anos, 16,33% das persoas incluídas nesa faixa de idade, responderon non ser quen de falar en galego.

O ensino xoga un papel decisivo na mudanza do galego pola español nas idades temperás. A este respecto, o Mapa Sociolingüístico Escolar de Ames, elaborado para este concello da comarca de Compostela pola Real Academia Galega (RAG) con datos recollidos entre 2018 e 2020, revela que “un fillo ou filla de cada dez (11,5%) que procede de familias galegofalantes renuncia á lingua familiar no seu primeiro contacto coa escola”.

O referido traballo, coordinado polo sociolingüista e vicepresidente da RAG, Henrique Monteagudo, advirte de que “os datos sitúan o desprazamento do galego polo castelán no cambio entre o 1º e o 2º ciclo de Infantil e na mudanza da etapa de Infantil á de Primaria; é dicir, os procesos de muda cara ao castelán semellan aumentar desde arredor dos 2 e 3 anos até os 6 e 7".

Decreto do plurilingüismo

O Decreto do plurilingüismo aprobado en 2010 pola Xunta da Galiza favorece este proceso. A citada norma prohibe a existencia de liñas públicas de ensino íntegro en galego e impide impartir aulas de Matemáticas en galego na etapa de Educación Primaria e de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía na Educación Secundaria. Ademais, 100% dos materiais educativos das escolas infantís das cidades están en español e o galego só é maioritario en 8% das mesmas.

O catedrático de galego da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, apunta a Nós Diario que “nestes momentos menos de 20% das persoas menores de 18 anos falan galego e isto é consecuencia das políticas de Alfonso Rueda”. Nesta dirección, afirma que “a Rueda o que lle molesta é que o galego poida chegar a ser igual en dereitos ao castelán, porque quere eliminar o galego, convertelo nunha lingua ritual, un latín litúrxico para situacións excepcionais”.

A suposta igualdade 

“Ou hai unha aposta decidida pola igualdade lingüística entre o galego e o castelán ou o noso idioma pode entrar nun punto de non retorno”, apunta Costas, que lamenta que “grazas a Rueda o galego non é a lingua de encontro das crianzas na escola e non pode ser unha lingua de vida entre elas fóra das aulas”.

Ana Iglesias, sociolingüista e profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus de Ourense, considera en declaracións a Nós Diario que “desde que se aprobou o Decreto do plurilingüismo a situación é moi preocupante e cada ano rexistramos retrocesos no uso da lingua”. Nesta liña, avanza que “o decreto vixente non só non protexe o idioma senón que vai contra do galego, até o punto de que as crianzas que entran na escola falando galego deixan de usalo en meses”.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, asegura a Nós Diario que “o problema de Alfonso Rueda e do Partido Popular é que calquera presenza e oferta de galego lles parece excesiva”. Nesta dirección, indica que “todos os esforzos nestes 15 anos dedicáronos a combater a súa existencia, nin sequera a garantir o mínimo cumprimento da escasa legalidade que o ampara”. Neste punto, Maceira pregúntase “como vai poder defender os intereses da Galiza alguén que non é capaz de identificarse e defender a lingua do país, a expresión da súa existencia”.

A lexislación non garante os dereitos do galego

Cero disposicións legais do Estado obrigan ao uso da galego. Mentres arredor de 500 normas obrigan ao emprego do castelán en diferentes esferas da vida social, non existe ningún texto legal que estabeleza a necesidade de usar o galego, conforme á doutrina asentada polo Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas. A este respecto, máis de 200 disposicións xurídicas refírense a actividades comerciais ou de información aos consumidores, sen que a Xunta da Galiza exercese as súas competencias, demandando para o galego os mesmos dereitos e deberes que ten o español.

Neste momento na Galiza ningunha entidade bancaria permite realizar todos os trámites en galego.

Precisamente, só 0,04% dos asuntos tramitados pola Administración de Xustiza foron en galego. Segundo os datos achegados na memoria do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza de 2019, último ano no que apareceu información sobre o tema, os diferentes órganos xudiciais galegos só procederon á revisión lingüística en galego de 145 documentos dun total de 330.956, sumando así unha porcentaxe de 0,04%.

A ausencia de obrigas para o galego é unha das principais pexas á lexislación en materia de normalización lingüística.

Comentarios