18-F

O PP rexeita participar no debate de RTVE tras os erros de Rueda no da CRTVG

Só Pontón e Besteiro acudirán á cita da televisión pública española

Alfonso Rueda, esta terza feira, en Ferrol (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda, esta terza feira, en Ferrol (Foto: Nós Diario)

Logo de que a secretaria xeral do Partido Popular na Galiza insistirá en que o seu candidato a presidir a Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, “non se escondía” –tal e como criticaban as demais formacións políticas ante a súa negativa a participar no debate organizado pola RTVE– e que os populares estarían en todas as contendas “ás que foran convidados”, a televisión pública española vén de confirmar que só Pontón e Besteiro debaterán a vindeira cuarta feira 14 de febreiro.

Será así ao ratificar RTVE que o PP se negou a enviar outra persoa que represente o partido en substitución de Alfonso Rueda. "Temos innumerábeis invitacións e o PP non se vai a esconder. Estaremos en todos os que nos conviden", afirmaba Prado o pasado 29 de xaneiro, sen precisar daquela que dirixentes en concreto participarían en cada cita.

Mais non é o primeiro debate ao que Rueda se nega a asistir a debates nesta campaña electoral. A mesma sexta feira, primeiro día da campaña, o PP enviou o seu portavoz do Parlamento galego, Alberto Pazos Couñago, ao debate organizado por Cadena Ser.

"Nós ofrecemos facer un segundo debate cara a cara de Rueda co candidato ou candidata que elixisen as forzas do multipartito e estamos a esperar", esgrimiu Paula Prado, días antes de dar comezo a campaña. A mesma idea que trasladou esta terza feira, Alfonso Rueda, un día despois do debate organizado pola CRTVG no que foi incapaz de afrontar os ataques dos demais candidatos e candidatas.

O candidato do PP reafirmouse en que, de participar noutra cita desta índole, tería que ser un “cara a cara” no que os seus rivais (a quen agrupou como un “multipartito”) se “poñan de acordo” no seu opoñente.

 

Comentarios