Rueda, acurralado nun debate para convencer máis de 450.000 persoas indecisas

Conscientes de que as enquisas apuntan a unha porcentaxe de persoas indecisas que se achega ao 20%, as candidatas e candidatos dedicaron as súas intervencións do único debate con Rueda a tratar de mobilizar o voto.

Isabel Faraldo, Ana Pontón, Alfonso Rueda, José Ramón Gómez Besteiro e Marta Lois.
photo_camera Isabel Faraldo, Ana Pontón, Alfonso Rueda, José Ramón Gómez Besteiro e Marta Lois.

O  debate electoral da CRTVG estaba considerado como unha batalla chave entre os candidatos á Presidencia da Xunta da Galiza presentes nos estudos da compañía pública. A este respecto, tanto PP como BNG, PSdeG, Sumar e Podemos estaban convencidos de que sería decisivo para decantar a importante bolsa de persoas indecisas, de cuxo voto dependerá o futuro Goberno galego.

Neste sentido, o barómetro para as eleccións galegas do Instituto Demoscópico EM-Analytics para Nós Diario sitúa o número de persoas indecisas en arredor de 20%, o que significa que máis perto de 456.000 persoas aínda non decidiron o seu sentido do voto.

Tanto Alfonso Rueda, candidato do PP, como Ana Pontón (BNG); José Ramón Gómez Besteiro (PSOE); Marta Lois (Sumar) e Isabel Faraldo (Podemos) eran conscientes de que as porcentaxes de persoas indecisas concéntranse, tradicionalmente, naquelas franxas de idade onde o Partido Popular rexistra un menor apoio. 

Neste sentido, o traballo publicado onte polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) apuntaba que decide o seu voto na última semana da campaña o 30,2% da poboación entre 18 e 24 anos; o 25,2% da poboación entre 25 e 34 anos e o 26,4% da poboación entre 35 e 44 anos. Segmento do electorado, este último, que as diversas sondaxes colocan como primeira opción electoral o BNG. A maiores, o estudo apuntaba que o 20,4% das persoas electoras decidirán o seu voto na última semana electoral, o 5,5% na xornada de reflexión e o 6,1% no propio dia das eleccións.

A polémica da cámara con Pontón

Neste contexto, desenvolveuse un debate que comezou con polémica: no momento da presentación da candidata do BNG, a realización da CRTVG pinchaba a cámara que estaba enfocando o candidato socialista. Un xesto que foi criticado nas redes sociais polas persoas que seguían a cita.

As mensaxes lanzadas polas candidatas e candidatos estiveron dirixidas a decantar o voto das persoas indecisas. Na primeira parte do debate, Rueda, Pontón e Besteiro, centrado nos aspectos económicos e nos sociais, emitiron un discurso transversal, á vez que Lois e Faraldo optaban por dirixirse ao seu electorado co fin de apuntalalo e tratar de garantir representación.

Rueda, visibelmente nervioso, trataba de defender a xestión dos gobernos do Partido Popular con cifras que foron desmentidas polas candidatas e candidatos, que negaron o que Pontón cualificou como "Galiza ideal" que presentou Rueda, con datos "tramposos".

O presidente da Xunta, que se sentiu acurralado por Pontón e Besteiro, tratou, sen éxito, de transmitir a idea de que Galiza "funciona" e comprometeuse, como medida estrela, a ampliar as bonificacións do imposto de sucesión.

Pontón, pola súa parte, centrou as súas intervencións en pór en valor as propostas do seu programa electoral que, nun momento de nerviosismo, Rueda convidou a audiencia a "ler". 

A candidata nacionalista fixo fincapé na defensa da sanidade pública, e prometeu un "Plan de choque para a Atención Primaria" que reverta os "anos de recortes do PP". Un extremo no que tamén insistiron PSOE, Sumar e Podemos, conscientes de que a sanidade é unha das cuestións que máis preocupa ás galegas e galegos.

Besteiro cargou contra a xestión de Rueda á fronte da Xunta da Galiza, e contra uns gobernos do PP que provocaron que "sexamos menos galegos", en referencia á demografía. "Nos últimos 15 anos, perdéronse 100.000 habitantes e a débeda pública multiplicouse por 2,5". "Menos xente, menos emprego e máis débeda", sintetizaba o representante socialista.

Lois iniciaba a súa intervención salientando que "sete de cada dez galegos queren cambio", en alusión ao groso das enquisas, e garantindo o seu apoio a "un goberno de tres". Unha idea que se afanou en proxectar ao longo do debate, reivindicando un Executivo do cambio, a tres, con Sumar sendo unha das patas.

Faraldo, pola súa parte, afeou a xestión de Rueda á fronte da "crise dos pellets" e apelou á intervención pública de Alcoa, nun contexto en que foron destruídos "51.000 empregos", ademais de 10.000 postos de traballo ocupados por persoas autónomas. Unha política de "amiguismos, enchufismos e clientelar" foi denunciada pola representante de Podemos.

Rueda sobe o ton

Véndose incapaz de afrontar os ataques dos seus rivais, Rueda subiu o ton na segunda parte do debate, tras a pausa na que os asesores de cada partido político puideron conversar coas candidatas e candidatos. Así, tras lembrarlle Pontón que encabezara a manifestación "ultra" contraria á lingua galega e Besteiro ter votado en contra do uso do galego no Congreso, Rueda optou por enfrontarse directamente con Pontón, a quen acusou de "branquear" o BNG e de querer implantar un "monolingüismo". 

A candidata nacionalista apostou por un modelo en que a lingua galega se aprenda "en igualdade de condicións que o español" e en que haxa "verdadeira liberdade de elección". A continuación, Rueda tirou de argumentario de Xénova, ante unha Pontón que o acusou de "falar de Catalunya para non falar da Galiza". "Cando vostede ten que dar contas da súa xestión, saca Catalunya, saca calquera cousa. Pero, é Catalunya quen lle aumenta as listas de espera aos galegos e galegas? Non, é vostede. É Catalunya a que fai que teñamos máis débeda e peores servizos públicos? Non, é vostede", repondeulle a líder nacionalista.

A pesar de que Rueda tratou de levar o debate ao seu terreo, apoiado por unha moderadora que tratou de xestionar os tempos do BNG, tanto Pontón como Besteiro, Lois e Faraldo insistiron na necesidade de favorecer un cambio na Galiza.

Ademais da sanidade, como tema central dun debate en que Faraldo convidou Rueda a experimentar as listaxes de agarda, a vivenda pública ocupou parte das intervencións. "Non prometa o que non fixo nos últimos 14 anos", apuntaba Besteiro en relación ao insuficiente parque de vivendas públicas, "non insista en que a xente nova compre vivenda cando non ten nin capacidade para alugar", engadía a nacionalista. 

Rueda trataba de defenderse apelando ás persoas maiores, "as grandes esquecidas", segundo el, dos discursos dos seus rivais, que non tardaron en lembrarlle que en 14 anos de goberno, o PP non foi quen de construír ningunha nova residencia de maiores. Non perdeu ocasión Faraldo de lembrarlle a Rueda o "negocio de DomusVi".

O presidente da Xunta da Galiza, tratando de atacar, sobre todo, a Pontón e Besteiro, non puido máis que defender a súa xestión e de prometer máis "continuísmo". Lois, mentres, seguía insistindo en que faría parte dun Goberno a tres. Un Goberno que Pontón, durante todo o debate, se reivindicou como presidenta.

A estratexia de Rueda: "Eu contra o multipartito"

O  único debate de campaña nos medios públicos galegos entre os candidatos á Presidencia da Xunta da Galiza de PP, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos veu marcado pola polémica. Os criterios seguidos pola Dirección da CRTVG para a selección das formacións participantes foi coincidente co argumentario de campaña dos populares.

Nesta liña, resultaron clarificadoras as palabras do actual mandatario galego e candidato popular, Alfonso Rueda, quen sinalou que o debate da galega escenificaba que a única alternativa á súa formación pasaba por un multipartido de catro forzas, cando as sondaxes non garanten a presenza de Sumar e de Podemos na Cámara galega.

Arredor desta cuestión, a práctica totalidade dos estudos demoscópicos coinciden en que a división do voto da esquerda entre catro forzas favorece a continuidade do PP, sinalando os responsábeis de EM-Analytics a dispersión posibilitaría á dereita continuar á fronte do Goberno galego con dous puntos por baixo de 2005, cando Fraga perdeu a maioría absoluta.

Comentarios