Palabras con memoria: comendo sempre...

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

No Morrazo utilízase "empapullar" para referirse ao feito de encher a boca de comida (Foto: Pixel Shot).
photo_camera No Morrazo utilízase "empapullar" para referirse ao feito de encher a boca de comida (Foto: Pixel Shot).

empapullar (I).- Encher a boca de comida.

Exemplo.- “Empapullas tanto a boca que nin mastigar podes.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Roberto Rodríguez Piñeiro.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

 

esgurichar.- Satisfacción dos sentidos, especialmente pola comida.

Exemplo.- “Sabe que esguricha!”

Lugar de escoita.- Muros.

Fonte.- Raquel Dosil Lago.

espenicar.- (Ademais de significados menos concretos) Remexer escollendo moito, pero ciscando a maioría da comida que se ten no prato (especialmente cando non gusta).

Exemplo.- “Deixa de espenicar e remata de comer dunha vez.”

Lugar de escoita.- Monforte e Terras de Lemos.

Fonte.- Renée Huerta Latrille.

follazo.- Filloa algo grosa que se fai na tixola cun amoado de auga, ovos, fariña e sal.

Lugar de escoita.- Cerceda.

Fonte.- Mª Jesús Rey Liñares./CPI O Cruce de Cerceda.

langrina.- (Verba da familia doutras recollidas en dicionarios como alangrear ou langrear) Fame.

Lugar de escoita.- Foz.

Fonte.- Olaia Rocha Fraga.

marmear.- Comer.

Lugar de escoita.- A Pobra do Brollón e comarca.

Fonte.- Orcelina Parada Cortiñas.

Comentarios