Palabras con memoria: sonoridades

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Adoita empregarse o termo arruallo cando hai ruído de varias voces xuntas nun contexto de ledicia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Adoita empregarse o termo 'arruallo' cando hai ruído de varias voces xuntas nun contexto de ledicia. (Foto: Nós Diario)

arruallo.- (Ademais de significados xa rexistrados) Balbordo, barullo, rebuldaina, rebumbio… Adoita dicirse cando hai ruído de varias voces xuntas nun contexto de ledicia.
Exemplo.- “É bonito escoitar o arruallo das crianzas cando xogan.”
Lugar de escoita.- Coruxou, Irixoa.
Fonte.- Carme Martínez Purriños.

aurisar (ou aurizar?).- Utilízase para dicir que alguén molesta co volume da súa voz.
Exemplo.- “Non berres tanto, que me aurisas.”
Lugar de escoita.- O Barbanza.
Fonte.- Constantino Prego.

batallizo.- Ruído mesturado de voces ou obxectos diversos, balbordo.
Exemplo.- “Eu non che vou á casa de María que hai moito batallizo.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Aurelia Grandal.
Outros apuntamentos.- Pronúnciase con seseo. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

gañir.- Renxer, facer ruído as portas ou as camas cando son vellas.
Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.
Fonte.- Miguel Hernández Viñas.

rumbar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Facer moito ruído un vehículo ao acelerar.
Exemplo.- “Para os rapaces de hoxe, o coche que máis rumba é o mellor.”
Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).
Fonte.- Mario Ferreira López.

Comentarios