venres 24/09/21

Palabras con memoria: lingua nutricia

O alumnado é o protagonista do cambio
de modelo alimentario nas escolas. Con
esta visión deseñamos as actividades
didácticas da Guía Máis aló do Prato:
analizando a dieta alimentaria na miña
contorna, un traballo publicado pola
Área de Normalización Lingüística da
Universidade de Vigo.

acouvado.- Prato cos bordos elevados para tomar sopas ou calquera outro alimento de consistencia líquida, prato fondo.

Exemplo.- “Bótame as lentellas nun prato acouvado, gústame máis que un chan.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Carmen de Calviño.

Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

area (ter unha).- Dise do que ten un punto por mor do alcohol sen chegar á borracheira total.

Lugar de escoita.- Cuntis.

Fonte.- Marcos Seixo.

cachos.- Cachelos.

Lugar de escoita.- A Fonsagrada.

Fonte.- Avoa de Anxo Toimil Santín.

Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

calda.- (Ademais de significados xa rexistrados) Auga que, despois de ferver peixe ou mexillóns (por exemplo), se aproveita para botar como mollo a unha comida.

Exemplo.- "Boteille medio dedo de calda", "Botarlle calda á comida".

Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

chaola.- Doce de entroido feito con masa de roscón fritida, similar á bola que comunmente se fai por esas datas en todo o país.

Lugar de escoita.- Cariño.

Fonte.- Simón Rey.

cóscaro.- Crocante, renxedor. Adoita dicirse do pan cando está fresco.

Exemplo.- “Este pan está cóscaro.”

Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.

Fonte.- Olaia Rocha Fraga.

comentarios