'Modo galego, actívao!' levou a lingua a 3.000 nenas e nenos

O proxecto prepárase para estenderse a outros Concellos do país.
Acto de presentación dos resultados do proxecto, onte en Ames. (Foto: RAG)
photo_camera Acto de presentación dos resultados do proxecto, onte en Ames. (Foto: RAG)

A Casa da Cultura de Bertamiráns, en Ames (comarca de Compostela) acolleu onte a presentación dos resultados da experiencia de inmersión lingüística na que participaron durante tres semanas perto de 3.000 nenas e nenas dos centros educativos amesáns no marco do proxecto 'Modo galego, actívao!', unha iniciativa da Real Academia Galega e do Concello de Ames.

Henrique Monteagudo, vicesecretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística; Gabino Vázquez-Grandío, técnico do mesmo seminario; e Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística de Ames, interviron nun acto no que tamén falaron da experiencia directa nos colexios e entre as familias Enrique Gil Gil, coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEP de Ventín; Javier Cacheiro López, presidente da ANPA do mesmo colexio; Alonso Barreiro Caxade, director do CEIP de Barouta; e María Carmen Liñares Liñares, directora do CEIP Agro do Muíño.

A experiencia de compromiso lingüístico desenvolveuse durante tres semanas (comezou o 27 de febreiro e rematou a semana pasada) na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, as escolas unitarias de Covas e da Igrexa e os colexios de Barouta, a Maía, Ventín e Agro do Muíño. 

Inmersión completa

Inspirada no proxecto '21 días co galego', a iniciativa desenvolvida en Ames "vai máis aló" ao se adiantar ás primeiras etapas educativas e ao implicar, por primeira vez, os colexios dun mesmo Concello a un tempo e estenderse ao conxunto de actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local. 

Así, o programa incluíu estratexias para promover o compromiso lingüístico non só do alumnado e do profesorado, senón tamén das familias e do monitorado dos servizos complementarios, así como doutros traballadores e traballadoras dos centros educativos. 

77% de alumnado castelanfalante

A RAG e o Concello de Ames continuarán a desenvolver outras iniciativas nos vindeiros meses no marco de 'Modo galego, actívao!', que pretende "servir de experiencia piloto replicábel e extensíbel a outros Concellos". Con este programa, ambas as institucións pasan "da diagnose á acción", dándolles continuidade ás investigacións do Seminario de Sociolingüística en Ames, reflectidas nas publicacións A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018) e Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2020).

Esta última investigación, entre cuxos autores figura o propio Henrique Monteagudo, detectou unha perda de 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo, na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo até cifras "extremadamente preocupantes": na secundaria só 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües.

Precisamente unha das conclusións deste estudo incidía na necesidade de estabelecer sinerxías entre a escola, as familias, a Administracións locais e outras institucións relacionadas coa infancia e a mocidade, unhas sinerxías que se puxeron en práctica co 'Modo galego, actívao!'. 

Comentarios