A RAG insta a reverter a desgaleguización no ensino

Crianzas de Vite gozaron do concerto de 'Gatuxo'.
Henrique Monteagudo é catedrático de Filoloxía Galega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Henrique Monteagudo é catedrático de Filoloxía Galega. (Foto: Nós Diario)

Crianzas e adolescentes galegofalantes sofren unha "presión desgaleguizadora" á hora de integrarse no ámbito educativo, non só dentro das aulas e co profesorado, senón tamén fora delas, ao relacionarse cos seus compañeiros e compañeiras.

Así o afirma o académico Henrique Monteagudo nunha tribuna que a Real Academia Galega (RAG) publicou onte co gallo da celebración do Día Internacional da Lingua Materna.

A Unesco, que convoca esta celebración, pon o foco, precisamente, no ámbito escolar. Neste contexto, Monteagudo, como coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, sinala que "dous dos maiores desafíos" aos que se enfronta o galego para garantir o seu futuro son "a ruptura da súa transmisión xeracional" de proxenitores a crianzas e a "presión desgaleguizadora" na escola. 

Precisamente, "ambos os fenómenos están intimamente relacionados", sinala o académico, en referencia a estudos realizados pola RAG nos últimos anos. Ante estes desafíos, Monteagudo ve "evidente" que debe haber "liñas de actuación eficaces" por parte da Xunta da Galiza e colaboración entre as Administracións, as familias e as comunidades educativas. 

Henrique Monteagudo lamenta na súa tribuna que, mentres as familias teñan a percepción de que os seus fillos e as súas fillas van ter máis facilidade para aprender e integrarse no medio educativo falando español e non galego, "manterase a tendencia a deixar de lado o idioma tradicional da familia e adoptar o español".

Segundo Monteagudo, "cómpre deseñar estratexias eficaces" que permitan romper co "círculo vicioso" da ruptura da transmisión xeracional. 

Música para as crianzas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu onte na Escola Infantil de Vite (Santiago de Compostela) aos actos organizados pola Xunta da Galiza para celebrar o Día Internacional da Lingua Materna e nos que o alumnado do centro gozou do concerto de música infantil 'Gatuxo' a cargo de Magín Branco e María Faltri.

García fixo fincapé na importancia deste tipo de iniciativas "para que a cativada se relacione coa súa contorna e no seu día a día usando a lingua galega". "O obxectivo é fomentar o uso do galego [...] en todos os ámbitos", engadiu.

Comentarios