Represalia por defender o galego? Allianz rescinde o contrato do cliente que lle gañou un xuízo

A Mesa denuncia que a compañía aseguradora tomou esta decisión após perder nos xulgados.
A Xustiza pronunciárase en novembro en contra de Allianz. (Foto: Alexander Heinl / DPA)
photo_camera A Xustiza pronunciárase en novembro en contra de Allianz. (Foto: Alexander Heinl / DPA)

Un Xulgado de Primeira Instancia do Porriño acordou o pasado mes dar a razón a un empresario galego que, por medio da Mesa pola Normalización Lingüística, presentara unha querela contra a compañía de seguros Allianz por non garantir o acceso en galego á documentación requirida dunha póliza pola parte demandante.

O veredicto semella non gustar a esta empresa, que, segundo apunta esta quinta feira a Mesa, vén de advertir por escrito a este cliente a "rescisión unilateral" do seu contrato, unha decisión que a vicepresidenta da entidade, avogada e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, resulta "inadmisíbel".

"Estamos a falar de contratos que son imprescindíbeis ou mesmo obrigatorios para a vida diaria e que afectan a miles de persoas e empresas", lamenta, en relación a un suceso acontecido "décadas despois de que a lei diga explicitamente que é o tomador ou tomadora quen escolle a lingua".

Neste senso, desde a Mesa fan alusión á Lei 50/1980, de 8 de outubro, de Contrato de seguro, que indica que "a póliza do contrato deberase redactar, a elección do tomador do seguro, en calquera das linguas españolas oficiais no lugar onde aquela se formalizar".

A Mesa estima que máis de 70% das compañías aseguradoras non ofrecen ningunha posibilidade de póliza en galego, "incumprindo así a lei", e anuncia que se dirixirá a todas elas para que "antes do 31 de decembro confirmen que cumpren a lexislación" como paso previo a iniciar outras accións.

Comentarios