A xustiza obriga a compañía Allianz a garantir a entrega das súas polizas de seguros en galego

Actualmente só 1% das pólizas no país están dispoñíbeis en galego.
Sede de Allianz en Madrid. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sede de Allianz en Madrid. (Foto: Europa Press)

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 do Porriño vén de fallar a favor dunha querela interposta por unha sociedade mercantil, a través da Mesa pola Normalización Lingüística, contra a compañía de seguros Allianz por non garantir o acceso en galego á documentación requirida dunha póliza por parte da sociedade demandante.

Na sentenza do tribunal, á que tivo acceso Nós Diario, a maxistrada Lorena Quintairos Loureiro acorda “declarar o dereito da sociedade a escoller a lingua na que debe ser redactada a póliza de seguro de responsabilidade civil que foi obxecto de proxecto de póliza de Allianz”.

Neste sentido, a xuíza condena a aseguradora a “entregar a póliza de seguro de responsabilidade civil redactada en lingua galega”. O presidente da Mesa, Marcos Maceira, salienta a Nós Diario que a sentenza é “positiva”, ao tempo que agarda que o resto de compañías aseguradoras que operan na Galiza “tomen de exemplo o caso de Allianz”.

“Nós ímonos pór en contacto con todas estas compañías para instalas a que garantan á clientela o acceso en galego á documentación das pólizas de seguros”, adiantou Maceira.

Só 1% das pólizas en galego

Para o presidente da entidade en defensa da lingua, é “incríbel” que “décadas despois de entrar en vigor a lei do galego, siga a existir esta discriminación” nun ámbito como o burocrático. Segundo os datos que manexa a Mesa, “só 1% das pólizas que se ofertan actualmente na Galiza están en castelán e en galego”.

“Isto demostra que non só Allianz, senón todas as compañías aseguradoras que ofrecen servizo no país, actúan cunha mala fe continuada” en contra dos dereitos das persoas galegofalantes, sostén Marcos Maceira.

A Mesa critica que estas compañías non garanten o acceso ás pólizas en galego, obrigando a que as persoas e compañías solicitantes acaben cubríndoas en castelán, aproveitándose en moitos casos do “apuro derivado das situacións polas que son requiridas estas polizas”.

“Exiximos a igualdade entre o galego e o castelán, tal e como ditamina a lei”, conclúe o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Valoración do impulsor da denuncia

Pola súa parte, Xurxo Fernández, impulsor da denuncia contra Allianz, explica a Nós Diario que levaba anos exixindo que lle entregasen as pólizas en galego. "O primeiro rexistro escrito que gardo é de 2019, mais lembro conversas en 2017 sobre este tema", manifesta.

Fernández explica que foi hai uns meses cando soubo que as aseguradoras están obrigadas a entregar a documentación en galego se así o require o tomador ou tomadora, e foi aí cando decidiu contactar coa mesa para reivindicar ese dereito. Agora que a condena lle dá a razón, afirma que "queremos esperar a que se cumpra a sentenza, e despois ver que camiño continuar".

Para o demandante, o obxectivo último da denuncia e da posterior campaña que iniciou a Mesa debería ser "que ninguén teña que andar a reclamar a documentación en galego, senón que desde un comezo as compañías de seguros ofrezan tanto a opción en galego como en castelán".

Comentarios