Só 23% das horas lectivas de materias da ESO con libro dixital son en galego

A Mesa presenta un informe crítico co cumprimento da lexislación vixente en materia de normalización lingüística e acusa a Xunta de executar "unha política de eliminación paulatina, intencionada e calculada da lingua galega nas aulas".

 

 

Marcos Maceira e Nuria Fouciños, presentando o informe en rolda de prensa. (Foto: A Mesa)
photo_camera Marcos Maceira e Nuria Fociños, presentando o informe en rolda de prensa. (Foto: A Mesa)

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de presentar o estudo elaborado pola estudante de Filoloxía Galega Nuria Fociños e coordinado polo presidente da plataforma, Marcos Maceira. O informe analiza e compara os proxectos lingüísticos publicados nas páxinas web dos centros educativos cos libros e manuais utilizados nas materias.

Estes documentos, de acceso público, expoñen o programa e medidas relacionadas co fomento da lingua galega nos centros, a decisión a respecto das materias impartidas en cada idioma, os obxectivos e a liña de actuación durante o curso escolar. Así, comprobaron que 60% dos centros educativos teñen desactualizados estes proxectos, que deben de renovarse cada catro anos, ou non ofrecen información ao respecto.

Tamén, o artigo 14.3 do denominado 'decreto de plurilingüismo' —aprobado polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo en 2010 após recalar en San Caetano— estabelece a inspección destes proxectos por parte da Consellaría de Educación, unha avaliación que, denuncia Maceira, "non existe" na actualidade.

Incumprimento da equidade

No que atinxe á distribución horaria das materias en Educación Secundaria, o decreto determina unha división das linguas "equitativa", que tampouco se cumpre, afirma o presidente da Mesa, "xa que tanto a Lomce como a Lomloe outorgan maior carga horaria a aquelas materias nas que o uso do galego está directamente prohibido".

Unha situación que desde a plataforma aseguran que "empeora" co programa para libros de texto dixitais, Edixgal, no que a presenza de materias en castelán é "moi superior", con 52 horas no conxunto da ESO, fronte a 29 en galego e 16 noutras linguas.

Nesta liña, engaden que Edixgal inclúe "un novo veto ao galego", ao introducir o castelán en sete novas materias, o que "incumpre o marco legal e frustra calquera intento do profesorado por corrixir esta situación".

A Mesa acusa o Goberno galego de levar a cabo "unha política de eliminación paulatina, intencionada e calculada da lingua galega nas aulas" e de manter unha "actitude de negativa constante cara á avaliación do funcionamento do decreto".

Comentarios