martes 26.05.2020
Curso de galego

*Miña intención é non cometer erros: A lección 7 do curso de lingua céntrase nas interferencias sintácticas

A seguir reproducimos un extracto da lección 7 do curso de galego, sobre interferencias sintácticas, que Nós Diario publica hoxe. 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos e publícase a diaro nas catro páxinas centrais do xornal impreso.
Capa da lección 7
Capa da lección 7

Introdución

Na sintaxe non son tan frecuentes as interferencias do español, polo menos se o compararmos coa demoledora presenza de castelanismos léxicos. Con todo temos algunhas que convén identificar e evitar.

1   Ausencia do artigo diante dos posesivos.

2. A incorrecta colocación do pronome átono.

3. O emprego da preposición a na perífrase ir+infinitivo.

4. O complemento directo sen preposición

Verémolas en detalle nos seguintes apartados.

Posesivos

Ausencia do artigo diante dos posesivos

Na nosa lingua é obrigado utilizar o artigo cando o posesivo vai diante dun substantivo:

O meu traballo é complexo, mais gosto del.

—*Meu traballo é complexo, mais gosto del.

A miña intención é non cometer erros.

—*Miña intención é non cometer erros.

Excepto se levar un determinante:

Estes teus cans non paran de ouvear.

—Non entendo esas túas manías.

Porén, é permitido prescindir del nalgúns casos:

Cos nomes de parentesco [opcional]

Miña nai traballa de capataza forestal.

A miña nai traballa de capataza forestal.

Teu avó conta unhas historias moi interesantes.

O teu avó conta unhas historias moi interesantes.

Miña irmá sempre está de brincadeira.

O meu fillo estuda inglés e portugués no bacharelato.

En exclamacións e vocativos

—Como che vai, meu amigo!

Miña madriña, que cousas se ven!

Con nomes referidos a seres únicos ou a dignidades

Nosa Señora da Estrela está nun campiño raso (popular)

Meu Deus, que paciencia hai que ter!

Nalgunhas frases feitas

Meu dito, meu feito.

A pesar de non ser este un dos erros máis frecuentes, aínda podemos escoitar (e ver escrito) un uso incorrecto do posesivo sen artigo. Tratemos de o evitar:

—*Sabemos que nosos recursos pesqueiros son limitados.

—Sabemos que os nosos recursos pesqueiros son limitados.

Podes acceder ao resto da lección 7 adquirindo Nós Diario nos quiosques ou ben na nube.

'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma'

Sermos Galiza S.A. como empresa e Nós Diario como cabeceira dixital e en papel, está fundacionalmente comprometida coa normalización lingüística e, especialmente, coa mellora da calidade da lingua que empregamos, tanto na que usamos como na que queremos ver usada pola maior parte da sociedade.

Neste curso -composto por 15 leccións- e que se desenvolve nas catro páxinas centrais do xornal impreso, ponse máis o foco en afianzar usos do que en ensinar gramática, pois o coñecemento correcto da gramática está, moitas veces, interferido pola presenza do español como lingua

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.

comentarios