sábado 11.07.2020

Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma

Desde o próximo día 5 de maio, e durante tres semanas, coincidindo co mes das letras, Nós Diario vai desenvolver un curso de lingua galega centrado na mellora de usos para, desta maneira, aproximarse a unha maior calidade de lingua. Un traballo que conta coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.
Capas das dúas primeiras leccións do curso. (Nós Diario)
Capas das dúas primeiras leccións do curso. (Nós Diario)

Sermos Galiza S.A. como empresa e Nós Diario como cabeceira dixital e en papel, está fundacionalmente comprometida coa normalización lingüística e, especialmente, coa mellora da calidade da lingua que empregamos, tanto na que usamos como na que queremos ver usada pola maior parte da sociedade.

Neste curso -composto por 15 leccións- e que se desenvolve nas catro páxinas centrais do xornal impreso, ponse máis o foco en afianzar usos do que en ensinar gramática, pois  o coñecemento correcto da gramática está, moitas veces, interferido pola presenza do español como lingua A, isto é, aquela que goza dunha posición social preeminente. Precisamente, na introdución da primeira das entregas, que será publicada no Nós Diario da próxima terza feira, explícase o fenómeno da interferencia lingüística, que acontece cando as persoas falantes dunha lingua non teñen presente a norma propia por influencia da norma doutra lingua.

Un curso para todos os públicos

Mais non é este un curso de sociolingüística, aínda que se utilice por veces terminoloxía desta ciencia. Trátase dun curso que se sitúa fronte aos usos máis habituais de todas e cada unha das persoas que empregan o galego quer na comunicación habitual quer en contadas ocasións e que teñen como meta coñecer e usar o amplo repertorio de formas de que a lingua dispón para cada situación de comunicación.

A forma de presentar ese repertorio é, normalmente, fuxindo da conceptualización e pondo fronte a fronte o errado e o correcto, de maneira que é a persoa lectora a que reflexiona sobre o propio uso. A fórmula, que non é nova, permite obviar a práctica a través de exercicios. Así, na primeira das leccións, sobre castelanismos, póñense de manifesto incorreccións como: *vamos a ver, *comenzamos, *a parte, *a prisa, *despacio, *pasillo, *soler, *libreta... hipergaleguismos como *a pesares ou *a partires ou marcadores discursivos na lingua oral que son frecuentes, caso de *bueno... Tamén recolle as interferencias do español á hora de formar o plural de palabras agudas acabadas en -l no singular, *sociales, *experimentales, *reales, *dixitales, *artificiales...

Ao longo do curso inclúense numerosos enlaces externos a vídeos, dicionarios e páxinas web mediante códigos QR co fin de introducir algúns exemplos a máis que non teñen cabida nas catro páxinas do caderno e que contribuirán a fornecer as lectoras e lectores de máis materiais.

Os 15 temas de que consta

Castelanismos, Cuestión de xénero, Pronunciarmos sen complexos, Uso e abuso dos pronomes, Interferencias lexicais, Interferencias sintácticas, Ortografía, Articuladores discursivos, De preferencia, Sen abusar, Falar e escribir ben, Futuro de subxuntivo, Fraseoloxía I e Fraseoloxía II son os temas en que se divide o curso, cuxo fío condutor son as interferencias lingüísticas, especialmente presentes nalgúns ámbitos e que teñen como consecuencia a deturpación da lingua propia e poden resultar moi negativas para a súa supervivencia. É por iso que convén atallalas. E é aí onde Nós Diario quere estar. A iniciativa quer contribuír a mellorar o uso e a calidade do noso idioma, así como a axudar a corrixir aquelas interferencias que dificultan o asentamento do estándar lingüístico.

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.

comentarios