Tesoirada á promoción do galego: o orzamento cae dos 13 aos 10 millóns

Unha das partidas que se reducen no proxecto de orzamentos da Xunta da Galiza para 2022 é a dedicada á normalización lingüística. A promoción do galego recibe 3 millóns de euros menos que en 2021, ao pasar dos 13 aos 10.

Carreira pola lingua e pola normalización lingüística da mocidade e a infancia en Vigo nos anos 2018.
photo_camera Carreira pola lingua e pola normalización lingüística da mocidade e a infancia en Vigo en 2018.

Dos 13 aos 10 millóns de euros. Esta é a redución que sofre a partida destinada a Normalización Lingüística no proxecto de orzamentos que preparou o Goberno galego para 2022.

A Xunta dedica 14,4 millóns menos que o bipartito

O recorte é aínda maior se se compara a partida das contas do ano que vén coas derradeiras do Goberno bipartito de PSOE e BNG, as de 2009. Daquela, a promoción do idioma propio da Galiza recibía 21 millóns de euros. Unha cantidade que, de repercutirmos o aumento do Índice de Prezos do Consumo (IPC), ficaría en 24,4 millóns.

A tesoirada chega apenas quince días despois de faceren público a Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Ames o estudo que evidencia que “o acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados até o momento, centrados maioritariamente na adolescencia”.

A análise recóllese no Mapa sociolingüístico escolar de Ames, que advirte da perda de 10% das persoas galegofalantes "xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil". Unha porcentaxe que, segundo o documento, "vai medrando cos sucesivos cambios de cliclo até cifras extremadamente preocupantes".

Só 11% do alumnado de secundaria é galegofalante

Ademais de cualificar de "hostil" o ensino para a lingua propia da Galiza, o estudo advirte de que "na secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües".

Previamente, no mes de abril, outro estudo da RAG, desta vez en colaboración coa Deputación de Pontevedra, sobre a competencia bilingüe do alumnado de 4º da ESO, puña de manifesto que o alumnado galegofalante "domina galego e castelán", mentres que máis dun 35% do castelanfalante ten "unha escasa competencia en galego".

O Consello de Europa reprendera o Estado español pola situación da lingua galega no ensino

Por outra banda, a redución da partida dedicada á promoción da lingua estaba a fraguarse cando o Consello de Europa reprendeu o Estado español e cando o urxiu a actuar para suprimir as limitacións ao ensino en galego. Foi a finais do mes de marzo.

O documento do Consello de Europa advertiu de que a distribución das linguas entre as materias escolares “non é equitativa” e que o galego está presente “só nunha parte dos centros de educación infantil”. Tamén alertou da necesidade de incrementar o material didáctico na lingua propia.

Comentarios