Proxecto “Ao Son da Nosa Música”

80% da rapazada nunca, ou case nunca, escoita música en galego

Unha enquisa a máis de 1.000 escolares de 20 centros de ensino de diferentes partes da Galiza mostra como a lingua propia é a gran ausente na música que escoitan.

Un concerto da última edición do festival decorrido en Vilaxoán. (Foto: Revenidas)
photo_camera Un concerto da última edición do festival decorrido en Vilaxoán. (Foto: Revenidas)

A música en galego vive unha idade de ouro. O idioma está presente a través de ducias e ducias de conxuntos e solistas nunha moi ampla variedade de estilos e, ao tempo, hai artistas e grupos que acumulan galardóns e recoñecemento mesmo alén do Padornelo.

Porén, “Ao Son da Nosa Música”,  un proxecto socio-educativo de Manolo Maseda e Martiño Ramos, profesores de música no ensino público; vén mostrar a outra cara da moeda: a rapazada galega apenas consume música en galego. Ambos os dous profesores impulsaron unha enquisa realizada a máis de 1.000 escolares da Galiza de 20 centros diferentes.

Un inquérito que revela “a práctica desaparición do idioma galego entre os seus hábitos de consumo musicais”, segundo indican nunha nota de prensa.  “Un 80% confesa que nunca -ou case nunca- escoita música en galego. Máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40% do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego”.

“Un 80% confesa que nunca -ou case nunca- escoita música en galego. Máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40% do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego”.

O proxecto socio-educativo realizou un traballo de investigación nos meses de outubro e novembro  e contou coa participación de alumnado desde 5º de primaria ata 2º de Bacharelato e foron pesquisados os seus hábitos musicais tanto dentro como fóra do centro escolar.

“A enquisa puxo especial fincapé na presenza da lingua galega na música que escoitan, poñéndose en evidencia unha dramática e alarmante realidade. É destacábel a presenza maioritaria do castelán como lingua vehicular no ensino musical, tanto dentro dos centros educativos como nos diferentes ámbitos de formación”, indican.

Quen?

O cuestionario revela ausencia da música en galego nas propias aulas de música cun 50% que resposta escoitala poucas veces e un 27% nunca. En canto ás actividades musicais preferidas no ámbito do ensino atópanse a escoita musical e a práctica instrumental nos primeiros lugares, seguidas do canto e a danza.

Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as artistas máis coñecidas pola rapazada enquisada. En canto aos estilos: o Pop, o Reggaetón e o Rap son os xéneros preferidos das adolescentes, cun 64%, 53% e 44% respectivamente.

Hábitos

En relación aos hábitos de consumo de música, un 62% nunca mercou música. Entre o 38% que si o fixo un 45% investiu en música en castelán, un 35% música en inglés e tan só un 17% asegura que mercou música en galego.

Os medios dixitais a través dos que escoitan música son: YouTube destácase como o máis empregado cun 86%, seguido por Spotify cun 74%, TikTok cun 52% e a radio cun 35%.

“Así mesmo, revélase que as redes sociais, a partir dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical, seguida de preto do grupo de amizades. No mes de xaneiro, este proxecto socio-educativo presentará os resultados definitivos da investigación e partillará as propostas de mellora que considera oportunas para reverter esta situación conxuntamente coas outras cinco secuencias didácticas”.

Comentarios