Documental

O galego de Estremadura fala por si mesmo

Henrique Sanfiz presentou a pasada semana 'Xálima', un documental sobre a lingua do val do río Ellas, a fala, que constitúe a pata audiovisual dun traballo xornalístico que tamén terá unha versión radiofónica e outra escrita, que será publicada este sábado en Sermos Galiza. O filme ofrece un novo xiro sobre esa variedade estremeña do galego dándolles a palabra aos habitantes da zona en vez de, como é habitual, disertar sobre eles.
O director do documental Henrique Sanfiz, á esquerda, co alcalde das Ellas, Toño Bellanco.
photo_camera O director do documental Henrique Sanfiz, á esquerda, co alcalde das Ellas, Toño Bellanco.

"Expresarnos como de verdá nus han ensinau a falar desde que nacimos". É o desexo que expresa unha das persoas entrevistadas no documental Xálima, unha peza audiovisual dirixida por Henrique Sanfiz que mostra a realidade lingüística deses tres concellos estremeños do val do río Ellas -San Martiño de Trebello, Valverdi du Fresnu e As Ellas- coñecidos por ser o berce da fala, unha variedade lingüística do galego -segundo a tese máis aceptada polos lingüístas- que ten a súa orixe na repoboación por galegas e galegos nos séculos XII e XIII e a interferencia de leonesismos como consecuencia do contacto co veciño leonés. "Nós falamos como os galegos e os galegos falan coma nós", di nalgún momento unha das persoas que participan no documental, deixando clara a adscrición cultural dun lugar cunha identidae única, mais cunhas raíces ben recoñecíbeis.

O documental de Sanfiz cédelle a palabra aos habitantes das tres vilas para mostrar o orgullo que exhiben ante un sinal de identidade que os singulariza: persoas ligadas a asociacións de promoción e defensa da lingua pero tamén alcaldes e concelleiros, profesores, lingüístas, empresarios,  funcionarios... "Eu xa estivera alí algunhas veces e coñecía a Henrique Costas, que é o principal estudoso da fala, mais decateime de que existía moita literatura científica que falaba sobre os habitantes destes tres lugares, pero apenas existían traballos nos que fosen eles quen falasen", explica Sanfiz en conversa con Nós Diario. Daquel, decidimos facer un traballo xornallístico que tivese tres patas: o audiovisual, o radiofónico e o escrito, que sairá publicado esta próxima fin de semana en Sermos Galiza.

"Nós non falamus o castellanu"

"O fío que nos une é a fala, a calquera que lle preguntes dirache que defende a lingua a morte", declara no filme Diego Moreno, concelleiro de  San Martiño de Trebello. E ten boas razóns para sostelo: entre o 70 e o 80 por cento da poboación en todas as franxas de idade ten a fala como lingua de comunicación habitual. A defensa da lingua conta coa vantaxe da transversalidade, de estar por riba de ideoloxías: na recente campaña electoral, mesmo un concelleiro de Vox expresábase na lingua do lugar. 

"Non existe unha reivindicación territorial, e iso achanda o camiño para a reivindicación dunha identidade cultural singular", explica a Nós Diario o deseñador Pepe Barro, que participou na realización do documental. "Todo o mundo é moi consciente de que a súa é unha lingua única, diferente do castelán no que se expresan o resto dos lugares da serra de Gata, e iso outórgalles unha identidade da que se mostran moi celosos". 

En 1991, Antón Reixa invitou ao seu lembrado programa da TVG Sitio distinto a un veciño de Valverdi e diferentes investigadores e lingüístas, sorprendidos polo parecido entre a fala e o galego, comezaron a visitar a zona e a realizar traballos sobre as tres variedades que existen: o lagarteiru (As Ellas), o mañegu (San Martiñu de Trebellu) e o valverdeiru (Valverdi du Fresnu). O orgullo dos habitantes dos tres lugares viuse reforzado por aquela curiosidade. 

Norma pero non unificación

Mais tamén existen moitos obstáculos para a subsistencia da lingua: o principal deles, a castelanización derivada da expansión dos medios de comunicación, desde a radio e a televisión até Internet e as redes sociais. 

"Non obstante, a súa teimosía en manter a lingua é verdadeiramente exemplar e creo que na Galiza poderiamos extraer moitas aprendizaxes da súa actitude ante a lingua", declara Sanfiz. "É probabelmente o sitio de Europa no que existe un maior aprecio pola lingua propia: mantense a transmisión xeracional, cultívase no día a día e os docentes tratan de incluíla nas actividades escolares, en contra das directrices da Comunidade Autónoma". 

E ese amor polo propio é o que serve de motor para buscar unha oficialidade que permita entrar nos ámbitos oficiais para evitar a deturpación derivada do contacto co castelán. A pez de Sanfiz mostra como existe un apaixonado debate sobre a elaboración dunha norma estándar que respecte as variantes de cada un dos tres lugares. "Como eles mesmos declaran, existe un sentimento maioritario a favor da oficialidade, mais tamén unha oposición case unánime á unificación das tres variedades", comenta o director. "Mais creo que ese debate está bastante superado e que existe un consenso de mínimos que permitirá presentar unha proposta este mesmo ano" . 


Orgullosos da súa identidade

Henrique Sanfiz confesa que todas as persoas do equipo "estamos moi contentas co resultado, sobre todo porque os habitantes dos tres lugares se viron reflectidos no documental. Eles están moi orgullosos da súa identidade, e unha película deste tipo contribúe a reafirmar ese orgullo e a afianzar a confianza que teñen no recoñecemento da súa lingua, tanto a nivel oficial como a nivel popular. En certo sentido, a fala converteuse tamén nun atractivo turístico".

Comentarios