Henrique Costas, catedrático da UVigo: ''Para certo asturianismo, falar galego é incompatíbel con ser asturiano"

O catedrático Xosé Henrique Costas é unha das persoas que máis tempo e esforzo ten dedicado a estudar a situación da lingua e a cultura galegas nos territorios estremeiros. Hoxe analiza para 'Nós Diario' a situación do idioma no Eo-Navia, no Bierzo, en Seabra e no Val do Ellas.
O lingüista e profesor Xosé Henrique Costas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O lingüista e profesor Xosé Henrique Costas. (Foto: Nós Diario)

—Como analiza situación do galego en Asturias?
Enxérgase unha clara involución. Mal que ben, na Galiza levamos 40 anos con oficialidade, unha Lei de normalización lingüística ou o galego na escola. En Asturias os seus idiomas propios, galego e asturiano, están aínda sen oficializar. Están hoxe como estabamos nós por 1970, cunhas linguas sen prestixio, excluídas da escola, da Administración, dos medios... Nós ben non estamos, é evidente, pero o de Asturias é unha desfeita, un dobre lingüicidio. E no caso do galego de Asturias hai unha dobre opresión: por ser unha lingua minorizada e por ser galega, algo inconcibíbel para certo asturianismo, para quen ser asturiano é incompatíbel con falar galego.

—Por que ese rexeitamento?
Hai un asturianismo negacionista, nucleado arredor da Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) e que enchoupa case todo o arco parlamentario, que proclama que o falado entre o Eo e Navia non é galego, que é outra cousa diferente pero asturiana porque está en Asturias, mesturando allos con bugallos. Ou sexa que onde din: "Eu móvoche os marcos das túas leiras" non é galego. Na práctica tratan o galego como un dialecto do asturiano, de feito a ALLA é a única academia do mundo que tutela dúas linguas, a propia e a veciña, o galego. Se din que non é lingua galega nin asturiana, por que a tratan como un apéndice pobriño, subalterno e dependente da ALLA sempre dirixido por académicos que nin o saben falar?

Agora a ALLA emprega o glotónimo ilegal de Eonaviego" porque o legal galego-asturiano xa non lles vale, pois -segundo a ex presidenta da ALLA- "o termo galego soa despectivo". Todo vale para xebrar o galego e asturianizalo a machada. Unha esquizoglosia. E toda lóxica preocupación sobre o galego de Asturias expresada desde Galiza é vista como unha inxerencia do nacionalismo galego. Se o asturiano morre, que o galego tampouco se salve, vaia. A esperanza para o galego está en asociacións como Axuntar.

—Como valora o estado da lingua nas terras de fala galega emprazadas en Castela e León?
En Castela e León asistimos a un doce esmorecemento en coidados paliativos. Recoñeceuse o galego no Estatuto, introduciuse de maneira optativa nas escolas, hai actividade de asociacións culturais, pero isto non chega para deter a hemorraxia. Agás no exemplar concello de Lubián (Zamora) o galego non existe en ningunha Administración. E só en medios dixitais aparece de cando en vez algún artigo en galego. Con este panorama, a sorte do galego podería está servida, tanto polo descoñecemento e conseguinte desuso da poboación máis nova coma polo despoboamento de moitas destas terras.

—E como se atopa o galego nas terras estremeñas do Val do Ellas?
O Val do Ellas é o lugar de Europa onde os usos lingüísticos dunha lingua minorizada sen protección ningunha son máis altos: fálao sempre ou case sempre 90% da poboación, e entre a mocidade o 65%. O orgullo lingüístico polo seu é inmenso, pero non é oficial nin recoñecida. E ademais, coma no caso de Asturias, a súa filiación galego-portuguesa é negada por autoridades e "entendidos": nova lingua románica, híbrido luso-leonés…téñenlle dito de todo a unhas variedades que din: "hoixi chegamos pola miñán i había muta xenti nunha festa ben grande na ponte de pedra". Galego non é, non, debe ser mozárabe [ironiza]. O que si acontece é que no Ellas os usos diglósicos cada vez son maiores nas familias e entre a mocidade. Aquí o castelán podería non substituír o galego, como está a ocorrer noutros territorios galegófonos, pero pode moi ben deturpalo e diluílo.

Sen oficialidade, sen Administración, sen escola, sen modelo…no Ellas o orgullo e a fidelidade manteñen moi viva unha lingua cada vez máis interferida.

—Como valora as políticas da Xunta da Galiza en apoio ao galego nos territorios do exterior?
Políticas da Xunta da Galiza verbo do galego exterior? Ulas? A Xunta evita todo o que teña que ver co galego de Asturias e de Estremadura para non ter enfrontamentos cos Gobernos autónomos. O caso de Asturias é dun desleixo clamoroso, pois co seu silencio a Xunta está a colaborar por pasividade no esmorecer do noso idioma e da nosa cultura.

20 anos sen avances para o galego

Henrique Costas observa con preocupación a situación do galego fóra da Galiza administrativa. A este respecto sinala, que "no caso de Castela e León o galego está no Estatuto, está na escola grazas a un acordo Xunta-Junta de 2002 -por certo, boicoteado por algunhas direccións de centros e por elementos da propia Administración- e daquela é doado iren alí os nosos representantes institucionais actuais a facer fotos e declaracións. Pero nunca foron máis alá do paripé. Non se avanzou máis nada desde 2002".

Comentarios