Os 70.000 falantes de galego da Galiza estremeira

En medio cento de concellos de Asturies, León, Zamora e Estremadura.

galiza estremeira galego

“Dos 306 veciños do concello, máis de 80% somos galegofalantes”. O alcalde de Lubián, Felipe Lubián, daba esta cifra na entrevista que recentemente publicaba Nós Diario. Lubián é un concello da comarca de Seabra, administrativamente pertencente a Castela e León. Un deses 51 concellos existentes na denominada ‘Galiza estremeira’ (territorios galegofalantes, que se atopan fóra das fronteiras oficiais de Galiza) onde o galego segue vivo e con falantes.

Mesmo nalgúns deses concellos, como o da Veiga (Vegadeo, ASturies) o galego é lingua oficial. Un paso que tamén se dera con anterioridade en Lubián (Zamora) e en  Veiga de Valcárce (León), mais poucos meses despois a alcaldesa decidiu retirar e anular o acordo de goberno que declaraba oficial o galego.

O galego – tal e como lembra o portal da lingua galega ( lingua.gal)- ten falantes en 15 concellos que fan parte do Principado de Asturies: Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias, Navia, Pezós, San Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casarego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos e Villaión.

O filólogo e membro da Real Academia Galega Henrique Costas apontaba en 2014 que entre o Eo e Navia asturiano había por volta de 40.000 galego-falantes.

En León son 25 os concellos con habitantes galego-falantes e en Zamora, 5. Costas estimaba, naquela altura, que no Bierzo hai por volta de 25.000 persoas que falan o galego e que nas Portelas son unhas 1.500. Os concellos: Arganza, Barxas, Benuza, Borrés, Cacabelos, Camponaraia, Candín, Carracedelo, Carucedo, Corullón, Fabeiro, Oencia, Peranzais, Ponte de Domingos Flórez, Ponferrada, Priaranza, Sobrado, Sobradelo, Toural dos Vados, Trabadelo, Valboa, Veiga de Espiñareda, Veiga de Valcarce, Viladecais , Vilafranca do Bierzo, As Pías, Porto, Lubián, Hermisende e Peñalba de la Pradería (lugar de Calabor).

Na comunidade de Estremadura existe tamén un pequeno núcleo (Val do Xálima) de tres lugares nos que se fala unha variedade da lingua galega: Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello. Eran, segundo o filólogo e membro da RAG, uns 5.000 falantes.

Hoxe en dia esa cifra total de por volta de 70.000 galegofalantes neses territorios que había hai case un ha década de certo minguou. Mais, a pesar de todo, galegofalantes fóra da Galiza, habelos, hainos.

Comentarios