O orgullo da fala no val de Xálima protagoniza o 'Sermos Galiza'

O semanario deste sábado céntrase na variedade da lingua galega que se fala neste territorio de Estremadura.

Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae este 29 de xullo entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez a protagonista é a fala, a variedade da lingua galega que se emprega no noroeste de Estremadura e que centra a entrevista e as dúas reportaxes deste novo número da revista cultural.

A fala: orgullo da xente

A nena que nace en Valverdi, As Ellas ou en San Martiño de Trebello vén ao mundo cun gorentoso pan debaixo do brazo. Pero non nos referimos ao alimento básico da humanidade desde a prehistoria. Non se prepara enfornando a masa feita con cereal, auga, e lévedo. Nesa contorna, o pan é a lingua. Din os expertos que non hai lugar en Europa no que a poboación teña tan alta a estima lingüística como nas 3.700 persoas residentes no val de Xálima. "Na Galiza fálase como aquí e aquí fálase como na Galiza", díxonos un señor maior á porta da súa casa. Esta primeira reportaxe, que versa sobre o orgullo da fala, asínaa Henrique Sanfiz.

Poderíase dicir que a fala é tataraneta dun galego e dunha galega. Os reis de Galiza Fernando II, no século XII, e o seu fillo Afonso, a comezos do XIII, repoboaron a zona con xentes de Ourense, das Portelas e da Seabra. A accidentada orografía da serra de Gata quizais favoreceu a conservación da fala nesta punta do noroeste de Extremadura. Pero, sen dúbida, o que o logrou a conservación da fala foi a teimosía e a afouteza da poboación da zona que soubo transmitir de pais e nais a fillos e fillas o seu xeito de falar.

'Soidi e sorti': andando e falando na terra da fala

Tamén a conta de Henrique Sanfiz corre a segunda reportaxe, unha visita aos tres concellos da terra da fala. Cunha extensión conxunta de 256 quilómetros cadrados, forman un val moi rico, con moita auga e ben protexido dos ventos, cun clima moi beneficioso e unhas terras óptimas para as actividades agropecuarias, abundou sempre a pedra, a madeira e o alimento. A altitude media da chaira do val abala entre os catrocentos e os catrocentos cincuenta metros. O pico do Xálima, con 1.492 metros, preside o territorio.

"Un dos tesouros da fala é que hai tres variantes e cada lugar identifícase con elas. Hai moitos emprendedores en Valverdi, pero nós tamén temos moitos clientes de fóra que manteñen a nosa economía", salienta Fernando Iglesias, que montou o seu atelier de deseño Eureka en Valverdi despois de traballar nunha axencia de publicidade en Madrid.

Henrique Costas: "O val do Xálima é un filón"

Tamén Henrique Sanfiz é o responsábel de entrevistar o catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo Henrique Costas, que ten publicado máis de 80 libros e artigos científicos. Está especializado en sociolingüística das linguas minorizadas. En 1991 chegou ao val do Xálima, coñeceu a Domingo Frades e namorou das variedades lingüísticas desa zona. Investigou sobre o valverdeiro, lagarteiro e mañego e publicou 20 artigos especializados, 15 capítulos de libros e 3 libros sobre a fala.

"Os Concellos do val do Xálima fan todo na fala, os carteis, avisos, megafonía, pero as actas e os impresos continúan en castelán. Nas residencias de anciáns hai xente de fóra e algúns non queren entender. Para determinados usos asistenciais, como a sanidade e os servizos sociais, a xente tiña que estar capacitada lingüisticamente. A consideración da fala no resto de Estremadura abala entre o folclorismo e o temor a unha 'catalanización'", explica Costas.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Inma Otero Varela analizan na sección de Libros dúas obras de estrea: Todo chega desde o mar, de Santiago Ferragud (Medulia, 2022), e Salón de Té, de Lupe Gómez (Xerais, 2023). Tamén achegamos unha pequena escolma das novidades do sector deste ano.

No apartado musical, Fernando Montenegro debulla o disco Camarão-Girafa, de The Selva (Clean Feed, 2023), mentres David Regueiro asina o artigo titulado 'Jazz de Ría', dedicado aos numerosos festivais que versan sobre este estilo musical na Galiza.

O experto en cinema Andrés Castro fai unha crítica do filme Oppenheimer, de Christopher Nolan (EUA, 2023) e presenta tamén os mellores títulos que nestes momentos proxectan as salas de cinema do país.

No apartado de Deseño, Pepe Barro ofrécenos un artigo que titula 'As pedras que falan' e que dá conta da "fantasía no deseño da conserva galega", que, asegura, "non ten cancelas". Aliás, Anxo Fole propón un menú fresco de verán formado por salmorejo, año ao forno e torta de pexego na sección de Cociña.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios